...mmmm...

01 novembro 2005

Non sei quen son vostedes

Non sei quen son vostedes.

Pero eu vou falar dos trens.

Os trens. Cautivos dos trens. Por un estraño mecanismo xiratorio, falar de trens é falar de cine (o comezo e a fin de Europa coa voz hipnótica de Max Von Sydow, a sensualidade ríxida en Con la muerte en los talones, o tren no que se achega o Predicador de La noche del cazador, os vagóns con palla nos que se foxe, nos que se perpetran crimes, nos que se namora, nos que se dispara... A locomotora dos Lumière, La General, a que sempre se carga ao coiote... )

«La noche pasada estuve en el reino de las sombras... Todas las cosas —la tierra, los árboles, la gente, el agua y el aire— están imbuidas allí de un gris monótono. Rayos grises y, en los árboles, hojas de un gris ceniza. No es la vida sino su sombra, no es el movimiento sino su espectro luminoso […] Repentinamente se escucha un chasquido, todo se desvanece y aparece un tren en la pantalla […] Pero también éste es un tren de sombras»
Maxim Gorki, tras asistir ás curtas dos Lumière entre as que aparecía A Chegada dun tren á cidade. Extraído de http://www.trendesombras.com/num2/favoritasnum2.asp

Os trens veñen do máis aló. Gorki así parece entendelo. Igual ca o cine. Os túneles sempre son túneles do tempo ou do espacio. Non hai sinal de vida nun túnel. Sinal de radio, por exemplo. En La invasión de los ladrones de cuerpos foxen por un túnel, penso...O atributo máis fascinante dos túneles é que permiten ser debuxados nunha parede para fuxir por eles cando a cousa se pon fea. Son portas que nos comunican co outro lado...non sabemos moi ben con cál...

Hai algo fantasma en certos trens. Polo menos na Galiza...
u
Por algún estraño dejà vu inventado, falar dos trens é falar da neve. O Transiberiano, Miguel Stroggoff, o doutor Zhivago de David Lean. Tamén do suicidio: Pedro Casariego Córdoba, un poeta que depositou a cabeciña nas vías i esperou. Tamén do crime. Tamén da infancia: un veciño meu tiña un ibertren de morrer coa envexa. Conquistoume con el. Eu crecín xunto á tenda onde se expuñan as mellores maquetas de tren desta pequena cidade... Marklin, Ibertren...

Os trens nos meus implantes de memoria: a primeira vez que montei iamos de excursión a Caaveiro cun profesor borrachín que ficou durmido. Pasamos de parada. En Asturias collín o tren que non era e aparecimos no moi poético lugar de Pola de Lena ás nada poéticas tantas da madrugada. Xunto ás vías do tren unha pasea coa primeira parella. Hai algo patético e desolado. Tamén embruxador. Nunca coñecín a ninguén nun tren. Ninguén que lembre ben, quero dicir, ninguén cun teléfono para intercambiar. Só se intercambian miradas. Interrogantes. Cómplices. Lembro unha noite sufocante en liteiras, recibindo as mensaxes dalguén que dicía desexarme. Lembro unha noite escribindo unha charla que daba ao día seguinte na UAM. Lembro viaxar no AVE cunha ave, unha cría de anduriña (golondrina) atopada en Córdoba. Lembro a unha vella que me contou a súa vida. Non lembro a súa vida. Lembro a locomotora verde con rella vermella que resopra na estantería da habitación do meu irmán. E sobre todo, sobre todo lembro a Emma, a marabillosa Emma de Jim Botón y Lucas el Maquinista, coa que aprendín palabras inútiles para o exercicio da miña vida como calafatear, locomotora-ténder ou que as locomotoras son criaturas quizais non moi intelixentes -por iso necesitan un conductor- pero enormemente sensibles, que tanto te imitan un buque coma un dragón...

O tren é un ser machacón, impertinente, que se entromete nos soños. Non hai cores nin ocasos nin vacas coma as do tren. Os vidros do tren, quizais é iso, son un preludio da pantalla de cine.

r
Visiten a David (www.perdiendomiejem.blogspot.com) e vexan cómo se forxa un trainspotter infantil. Hai algo fraguándose en nós ao ritmo dun tren. Xunto coas máquinas de coser e os faros dos navíos son un dos obxectos máis rítmicos que existen. Os trens e os seus primos suburbáns, suburbiais e tamén fascinantes: os metros. Pero iso xa é cousa de grandes metrópolis. Eu teño que conformarme cun pequeno cercanías no que o revisor aínda che perdoa por non levar o billete...
***
BSO para un tren: Orbital, The Box. The Chemical Brothers, calquera tema (de feito, creo lembrar ter visto un vídeo deles manufacturado por Michel Gondry no que as sucesivas paisaxes repetidas ou variadas, e sempre desde a perspectiva dun tren, formaban unha especie de samplers visuais correlato da música); Laura, da peli de Otto Preminger "And you see Laura/on a train that is passing through/Those eyes, how familiar they seem/She gave the very first kiss to you/That was Laura/but it's only a dream"
***

Marcadores:

posté par estibaliz... 11:13 PM

2 Comments:

Gostoume moito a tua descripcion dos trens e a sua "maxia". Tamen gustoume a tua recomendacion de BSO para un tren.

Graciñas.
e por eso non é de estrañar que o vello, unha vida despois, quixese velo tren....

Add a comment