...mmmm...

25 janeiro 2007

Frikismos da cidade

Por aclamacións populares [algo inventadas] hei darlle máis caña a este bloj.

Disque o meu ritmo galápago de un ou un par de posts ao mes é demasiado... cómo dicilo... sideral. E o tempo humano hai tempo que non é sidéreo. O tempo humano hai tempo que non é nin sequera contemporáneo.

De feito, teño graves sospeitas de ser un ancestro de min mesma.

Pero isto non é un bloj de eumesma, malia todo, malia todos. Como empuño a firme convicción de devir anónima e de que todos os meus esforzos por roubarme a [i]alma en miles de fotos, gravarme en centos de minidiscs, estampar a miña sinatura con puntos suspensivos en millóns de documentos, reflectirme en nonseicántos espellos e ata protagonizar [ou agonizar] unha curtametraxe... van ser inútiles... pois xa non sei qué ía dicir. Esquecino.

[Ese esquecemento paréceme un
mcguffin extraordinario para a literatura. De feito, creei unha morea de historias que... vaia, non sei. Non me lembro de qué carallo fago con elas]

Porque hoxe é hoxe e ademais chove, vou inmortalizar nestes circuítos mortais a unha serie de seres que conmoveron a estraña fibra da criatura mecánica [aka eumesma. Vaia. Paradoxo. Isto non era un bloj de eumesma] algunha vez ao longo dos seus [meus] anos sobre este planeta.


Noutras palabras, benvidos a...

FRIKS

[para os listos: sei cómo se escribe]

Unha palabra que, non sei por que, sempre que se pronuncia fai esbozar un sorriso de complicidade nos interlocutores. Unha especie de xaseidoquefalas, neno. A xente denosta e ama aos frikis, míraos con telescopio, inventa ser un deles, compra nas súas tendas, fala do que eles falan... Quen, pero pordios, quen son os
frikis?

Salvando todo ese longo preámbulo que nos levaría por todbrowning-geek-otaku-rarita-pelos-gordodemierda-manga-amazmorradoandroide-timburton-trekkiesversusskywalkers-hevistocosasquevosotrosnocreeríais i etcétera, un friki hoxendía é alguén bastante notábel e, dende logo, alguén en quen confiaría para lle confesar as miñas secretas devocións...

...frikis. Abofé.

Sen embargo eu quero determe sobre outro tipo de frikis. Frikis máis inadvertidos, menos acoutados por unha idade determinada, un determinado número de grans ou videoxogos concretos. Frikis de andar por casa, de andar por cidade, seres fascinantes [leo que ese adxectivo que eu tanto emprego vén de fascinus, falo erecto. Será que...?].

Xente á que me quedei ollando en fite en máis dunha ocasión. Ou nunha soa e inmorredeira ocasión.

Xente que me fai pensar: en qué mundo me foi tocar a vida.

Xente desa que non repara en ti.

Xente como por exemplo

a.- O home que saudaba a todo o mundo. Imposíbel [e canalla] escapar da súa leve reverencia cranial pola rúa Real ou os Cantóns. Tiña bigote. Pouco peso. Coido que se trataba dun tipo cortés e desmemoriado. A desmemoria levábao a considerar que en realidade che coñecía e iso levábao a saudarte por horror a ser descortés. Morreu

z.- O rapaz de negro que le a Baudelaire. Compartín espazo con el en varias ocasións. Gafas. Cute que se ten posto colorado moitas veces. Sempre só. 20 anos ou así. O máis abraiante foi ter coincidido con el nunha especie de comité de benvida a xeito de manifestación en Santiago, agardando por Chávez. I el alí. Con Le spleen de Paris

h.- A vella que tira dun carriño de froita. Merqueille amorodos unha vez. Convencida de que estaba entrando en contacto cun ser doutra galaxia, doutra glaciación, doutro rexistro fósil. Doutra Historia

y.- A moza que devece por ser cantante de ópera. Para a miña sorte ou desgraza atravesei ese microclima treboeiro e lírico algúns anos. Coñecín a moitos cantantes de ópera cociñándose a fogo lento. Xente que fala de coloraturas, eses alemanas, filados etéreos ou respiracións abstractas. Todo mentres come un bocadillo de tortilla, porque a vida de cantante éche moi dura

e.- Os noivos que queren que lles cante unha de Johnny Cash. Na cerimonia relixiosa. Ao final cantéillela. Sentíndome nunha voda de Las Vegas. Como mínimo.

u.- O veciño de arriba. Tatuador. Coleguilla. Festuki. Tecnho bakaluta. Radio María os domingos pola mañá. Moi cedo. Así, tipo ducha xeada

x.- O señor que peitea bisoñé. Son sempre un candor

i.- O mozo co que comparto a vida. Porque cre non ser friki

q.- O noso Y. Por noso

w.- A porteira Lola, a que me regalou un costureiro. Era zamba. Fea. Vivía, con outra porteira que usaba peluca, no ático da casa. Dicían que eran lesbis. A xente ten cada cousa. Alí, no ático, de visita, cáeuseme un calcapapeis deses co pobo nevado que escachou en anacos e falsas folerpas: ela asegurou que fora porque non bicara a un neno Xesús monstroso que exhibían nun berce, no recibidor. De adorno. Sempre quixen volvela ver

m.- Un gato que tiven. Porque amosaba unha fe cega nos humanos que o mantiñan

g.- Un señor que vende mel casa por casa. Porque lle traía mel da Alcarria á miña avoa. I está ben lonxe a Alcarria

s.- Un que se parecía a Robert Smith. Por razóns obvias

d.- Isaac Díaz Pardo. Unha forma saída dun laboratorio. Un supervivinte anoxado por sobrevivir. Onte, nunha homenaxe á súa persoa, enfadou moito por ese detalle: o homenaxeado semellaba ser el [en realidade, era toda a vasta arte da que foi parte] mais o home, como moitos vellos que teño escoitado, compareceu case avergoñado por limitarse a cumprir 86 anos mentres os demais artífices do Laboratorio de Formas ou Sargadelos morrían sen tal recoñecemento. Vivo nunha época na que vivir demasiado é desexábel só para os que non viven demasiado. Alén diso, o río da
causa Díaz Pardo arrastra sedimentos subterráneos: el, Isaac ata o infinito de formas que se repiten, semella o fillo inmolado. Pero non polo pai. Por outros. A forma do Laboratorio de Formas sen ese Isaac fica máis amorfa, máis borrosa, máis delébel. Queda unha forma sen o seu fondo

f.- Armando. Deses que, pase o tempo que pase, acabas por atopar na rúa. Províame de revistas independentistas chamadas Canha, hai a caña de anos. Foi preso por "terrorista" despois de ter botado un molotov nun caixeiro. Falaba con soltura de Nietzsche e os cociñeiros chineses para os que traballaba no Gran Muralla. O outro día atopeino repartindo octaviñas. Fixo debuxante. Faloume de second life, un xogo virtual na rede no que, segundo dixit, vive nun pobo xaponés


q.- Estefanía. Porque argallou un fato e marchou a vivir ás Neves. Porque atopou cun lobo en San Estevo de Ribas de Sil e ofreceulle a metade do seu bocadillo para que no a zampase a ela. É a única carapuchiña vermella que coñezo
...

E moitos máis que poboan as nosas colmeas.

Sigan abazcareando por aí por internet...

Como todas, esta é unha lista aberta

BSO: non vou poñer obviedades frikis ou bizarras. Malia todo, síntome unha rara avis sentada sobre a pola dunha árbore extinta cando dáseme por escoitar antigas bandas sonoras. Espartaco, de A. North, unha delas [sublime]; Ben-Hur, de Miklos Rosza; Cortiña rachada ou Psicose...

Datos de interese: Hoxe caeu saraiba. Aínda que a min gustábame máis dicir sarabia, por similitudes fonéticas evidentes. Agora xa non sei se podo dicilo ou se cadra fenecerei fulminada por un raio


Hoxe cumpre anos unha das miñas persoas fundamentais

África. Alguén ten que dicir África cada día para que non se esqueza que nacimos aí

Tras anos sen poder dicilo, hoxe vou ver a-peli-impronunciábel [unha delas], grazas ao Bittorrent [o brazo tonto das pelis] e á marabillosa bronquite de I., que nos permite vivir na cama. Hai uns anos, no Mardigras, pasei media noite como Demóstenes, con pedriñas baixo a lingua, tentando silabear o título da devandita peli - favorita dun compañeiro de teatro co que estaba a falar de cine, supoño-. A día de hoxe, mesmo sei o que semellante título significa. Síntome tan oufana que case nin teño ganas de vela

Odio aos escritores que che fan sentir abochornada

Odio aos artistas que che fan sentir abochornada. A Arte en si paréceme bastante bochornosa

Tamén amo moitas cousas pero, xente, isto non é disney, nin paguei a un violinista para que tanxa neste momento mentres o camareiro baixa as luces

Agárdanme 2 tipos e mais un portátil nunha de 1'20x1'80 baixo un edredón laranxa.
Envexa?


Volverémonos non ver

Créditos das fotos: Foto 1: tomada por Pequeña Esquimal; Foto 2: Roubada dunha web sobre sinais insólitos; Foto 3: Chema Madoz

Marcadores:

posté par estibaliz... 9:26 PM | 5 comments |

10 janeiro 2007

Xano. Cranio privilexiado

Xano mira cara adiante. Xano mira cara atrás. Xano era o deus das portas, dos comezos e dos finais (wikipedia dixit).

Levo sentada media hora diante [detrás] de toda a miña vida.

É de tan mal gusto contalo todo. É de mal gusto dicilo todo na terra. É de mal gusto dicilo todo nun poema.

Pasar a páxina. Iso fan os humanos. Pasan páxina. Que a páxina contén o poema dos poemas? Pasan páxina. Que a páxina contén as instruccións para vivir 400 anos? Pasan páxina. Que a páxina contén o segredo do kosmos? Unha foto de
Sherezade? A fórmula matemática das conversas infalíbeis cos veciños no ascensor e cos funcionarios de Facenda? Unha relación dos 30 millóns de seres humanos cos que poderían ser obscenamente felices a perpetuidade?

Pasan. E pasan páxina.

Así é o ciclo. Anovarse. Morrer. Sen que importe o prodixio.

Salvo a Xano e aos xanos deste mundo. Xano mira cara adiante sen deixar de mirar atrás.

Os científicos [ese nutrido, nutritivo e misterioso grupo de persoas, hipercitado] confirman [porque sosteño que ese coñecemento xa opera a un nivel intuitivo] que os humanos empregan a memoria para construíren o futuro. Algo así como que os circuítos para pensar o futuro percorren a mesma corga que os do pasado. A memoria e todos os seus procesos configuran unha lista de elementos fascinantes que habitan a penumbra do cranio:

+ os déjà vus [algo aquí soáme moito, pero con sordina]

+ as lembranzas implantadas [comprobouse que unha pequena parte dos nosos recordos de infancia son doutros ou vímoos na tele]

+ os plaxios inconscientes [ ao principio dan rabia, pero logo non deixan de demostrar que a corrente das ideas é unha masa anónima na que todos -dende Catulo a Shakespeare, dende Simone Weil a Simone de Beauvoir- temos o protagonismo dunha alegre célula]

+ os soños recorrentes [experimentei, como moita xente, o soño de voar. No meu caso, tratábase dunha especie de ascensión vertical. Tamén a recorrencia onírica de que a cidade da Coruña é tragada por un tsunami que logo eructa uns poucos restos indixestos: bandeiras, obeliscos e guindastres de construcción]

+ o alzheimer

+ amnesias de toda condición

+ erratas na memoria

+ cachos de lembranza entre dúas rebandas de soño. E viceversa

O cerebro é o microcosmos que os neurólogos diseccionan coa paciencia e a marabilla dos alquimistas e os pitagóricos. Unha cebola en capas na que pasado e futuro conforman a mesma capa e nos fan chorar por igual.

Xano significa o comezo. É o símbolo co que comeza o calendario [de ianua, porta; Janeiro, Xaneiro; e as inadvertidas xanela galega e janela portuguesa: un xano feminino e cativo]. O símbolo da porta que se abre. Moitas veces imaxinei unha porta que se abre cara o cosmos. Ou o caos. Pero non: ese é un plaxio inconsciente ou unha macedonia de lembranzas alleas. Podería ser un cadro de Escher ou Magritte. Un conto de Michael Ende. Podería ser unha instalación xa feita por algunha artista da que ignoro o nome e presentada no MOMA ou en
ArtFutura. A-porta-que-se-abre-cara-o-cosmos é unha deriva mental e imaxinada que xa é trademark da nosa especie.

Pero tamén Xano é símbolo dos finais. Talvez o calendario remata en xaneiro e a porta que se abre é en realidade unha porta que se pecha [hai un dito popular a este respecto. Ou é ao revés]

Entón, cando os humanos pasan páxina realmente non se están a enfrontar a unha páxina nova. Senón a un palimpsesto. Unha páxina borrada ata parecer nova. As situacións posíbeis nunha vida son, coma o pergameo na antigüidade, bens limitados. Pasamos páxina para reescribir un conto que xa coñecemos finxindo que non o coñecemos.

O esquecemento desempeña un papel fundamental en todo este proceso.

O esquecemento: o patrimonio dos felices, os parvos e os senescrúpulos. Todo o que a criatura mecánica aspira a ser na vida.


Hai pouco estiven de corpo presente nun encontro de escritores na Raia. Alí falouse do sentido último da poesía [o cal faime crer que ten un primeiro sentido]. Alguén, se cadra unha pisca anoxado coa miña intervención, proclamou que a poesía participaba do carácter sublime que os franceses das vangardas lle recoñeceron. E pasou a queixarse con amargor de que xa ninguén lía a Breton, nin a Aragon [Aragorn? Pensou fugazmente unha cándida adolescente na sala]... E que, poucomaisoumenos, todo estaba perdido.

Pedín o turno de fala.

Pasei a dicir isto: pero é que de Breton & cía. a nós mesmos pasou entre medias unha cousa pequeniña pero bastante relevante: un século. E a linguaxe, namentres, mudou o seu estatuto. Por exemplo, o pasado pasou a ser unha versión dos acontecementos [ver ideas de Goebbels, ver Emma Zunz, ver Rashomon, comparar calquera libro de Historia con calquera libro de Historia]. Por exemplo, a linguaxe da máquina, do meu ponto de vista, erixíu nunha poderosa fonte de signos, capaz de facernos repensar un proceso tan trillado e idealizado como a escritura automática dos surrealistas [visitar a Hal-9000, visitar aos Supersónicos, ver as digital beauties de calquera ciberartista].

É dicir, o pasado, entendido como transcurso e non como punto orfo no espazo, é a clave para reconstruír o futuro. Para re-construílo. Co que temos que o futuro xa foi construído moitas veces. E así a medida do pasado dependerá da medida do futuro. E así todos transcorremos bifrontes, e mesmo quadrifrontes [unha ollada en cada punto cardinal]. E así Xano abrirá e pechará as portas e non ficaremos ancorados nun só suceso [o surrealismo, por exemplo], senón que poderemos pasar páxina convencidos, con todo candor, de que a páxina é nova e o futuro empeza mañá.

Gustaríame saber a qué hora...
Os que me coñecen saberán por que...



BSO: Man in the mirror, M. Jackson
The Box (I), Orbital.

Datos de interese:

Un membro da miña familia ficou ancorado nese punto orfo do espazo pasado i, en virtude das drogas legais subministradas por señores doctores [que non teñen doutoramento, abofé, gustaríame saber por qué por defecto son chamados así], toda a súa vida ensúmese nese camiñar arredor de sucesos futuros que aconteceron no pasado. E un dos membros da familia que máis amo. O máis maldito.

Un ser que apenas existe para ninguén i é, por iso, moito máis presente [sen pasado nin futuro]que calquera.

Frase do día non miña que anoto como miña: Se a sorte te belisca é posíbel que gangrene. A sentenza é de I.

Digo o que outros dixeron. Digo o que dirán outras.

Miro cara adiante. Miro cara atrás. Hai portas grandes que nos fan pequenos, e portas pequenas que nos fan crecer unha vez traspasadas. Alicia cruzaba portas. Era grande e cativa. Enchemos o tempo de portas [festas, datas límite, aniversarios] para reconsiderarmos o futuro á luz fría dese pasado. Quixen atopar as alicias que Dalí, na súa plasmación onírica do século XX, debuxou. Pero andan agochadas por internet ou en fotos malísimas de eBay.

Athanasius Kircher, no século XVII, sabíao todo.

Recibo spams de xente con nomes tan suxerentes como Amado Bacon ou Perdita Desmarais. Mágoa que nunca saberiei o que me din neles. Se algún día filmase un culebrón... serían os nomes dos meus protagonistas?

O escapismo. Unha vez adoptei a unha andoriña cordobesa á que chamei Houdini, instándoa a evadirse de min. Ver a historia completa e foto do suxeito nesta xanela

Créditos das fotos: foto 1: Meridiangraphics
foto2: non me lembro. É delito?
foto 3: ilustración clásica de Tenniel para Alicia. Alicia descubrindo a porteliña...
posté par estibaliz... 10:55 PM | 3 comments |