...mmmm...

15 abril 2007

Trónchense. Voilà

Qué guapa é. E simpática, alén diso.

Gran don! A simpatía, ho, a simpatía. Don celestial! Flora, Fauna e Primavera sobre o berce da Bela Dormente - despois de perfilarlle os beizos de Mónica Bellucci, as nádegas de J.Lo e a ollada melancólica da Venus de Boticcelli- murmurian, entre faiscadas de variña: E que sexa simpática. Joé!

A simpatía é unha estraña cualidade enfrascada nunha estraña palabra. Hai nervios simpáticos por todo o noso corpo, un tipo de maxia -segundo Sir James Frazer- denominada maxia simpática (a maxia que opera no vudú ou en ideas do tipo: se merco en Sotheby's un pelo de Marilyn e durmo con el 3 días seguidos, serei Marilyn) e sympathy for the devil. Aínda que cometerei a pedantería de lembrarlles que sympathy non significa o mesmo que simpatía (coidado cos false friends, children). Ou si. Porque ambas proceden desa idea grega, pathos, que tanto se traduce por sentimento como por emoción. Sentimentos encontrados ou conxuntos: a nosa simpatía, na que opera o sorriso e a sympathy anglosaxona, orientada á compaixón.

E despois deste rimbombante principio, con etimoloxía incluída, paso a falar diso que me levanta unha leve e aristocrática dor de cabeza: a forzada simpatía ou simpatía en serie.

Creo que vivimos na época máis simpática da historia. E como esta é unha conxectura dificilmente contrastábel, aí a deixo, como carnaza. Por que o digo? Porque hoxe non hai apenas ninguén que non intente achegar o seu graniño de area ao Festival do Humor Universal. Lúcidos observadores da realidade cotiá, expertos en diferencias de roles xenéricos en situacións de grave convivencia, prestidixitadores dos xogos de palabras, pseudoesloganes e consignas varias, examinadores implacábeis dos vicios máis cheirentos do sapiens sapiens, estudiosos do paraquéserveodedomaimiño, quefacercosdedosnunsemáforo, quédisnoteucontestadorautomático ou, en xeral, quécutressomostodos. Aí están, como simpáticos pittbulls trincando as mandíbulas sobre todo o que se move con pinta de ser inmortalizado nun chisteciño.

O dilema é que concorren a escena tanto profesionais deste clube da comedia que si saben do humor como graciosillos perpetuos que amenizan (ameazan)

a) toda reunión de sociedade
b) todo posto de traballo no que se comparten gomas de borrar, databases, verbatims e máquinas de café
c) toda actividade extraescolar, dende o tai-chi ao patchwork
d) todo artigo en blog, xornal gratuíto, xornal caro, gacetilla relixiosa ou fanzine universitario

A figura do eterno simpático é un pesadelo. Ou da eterna simpática. Xente que se ve na obriga de facer rir constantemente. Que emprega a tal fin o repertorio de chistes facilóns e xogos de palabras que a mecánica do rumor se encarga de propagar, ampliar e versionar. Xente con algún tipo de problema. Non alcanzo a saber cál.

Facer rir é un asunto moi serio.

A figura do graciosillo/graciosilla invade os máis íntimos espazos: na sintonía do móbil, no tuneado do coche, na camiseta serigrafiada, no felpudo do fogar, no papel hixiénico. Lugares todos nos que é posíbel demostrarlle ao mundo enteiro que somos guasóns xenuínos. En verdade o riso é o mellor diplomático do mundo. Pero depende moito da categoría mental dese diplomático.

O riso forzado debería provocar máis enrugas que o espontáneo. Quen o practica pensaríao dúas veces antes de rirlle o chiste ao xefe.

Moitas veces, o simpático forzado roza tanxencialmente o apaixonante e aboado campo do patetismo: sabe que non fai nin puta graza pero, alegremente, terquea. Hai tres horas que ninguén lle ri os chistes, media hora que ninguén lle mira en fite aos ollos e dez minutos que a xente fala doutra cousa dándolle as costas. I el, sen deixar de matinar agudezas mentais que lle saen a rolos, máis ben en forma de albóndiga ou churro trenzado.

Por que?

Que gañamos forzando a rir todo o tempo? Un ego do tamaño dun zeppelin? Por que nos empeñamos (todos, agás algunha rara avis) en ser simpaticotes full time? Afábeis, sorrintes, despreocupados, con calquera chiste tópico e gastado para pasar os apuros dunha situación... Alguén co humor sarcástico de House, por exemplo, tería éxito cero en sociedade. Por que? Porque como espectadores podemos decatarnos de que o tipo é un crac médico e pode darse o luxo de fiar moi fino o seu sentido do humor. Na vida real, ninguén que tratase a un tipo así estaría disposto a recoñecer que é bo: todo o mundo anticiparía que é un antipático, e iso ensombrecería a súa consideración laboral e social.

Seica estamos obrigados a ceibar chistes de cando en vez para demostrar que temos sentido do humor.

Pero ser gracioso non asegura ter sentido do humor.

O único xeito de saber se o temos pasa por levar a termo honestamente a dorosísima ximnasia facial -do tipo fakir camiñando sobre brasas ou tragando un cactus do deserto de Sonora- de rir de nós mesmos. De non tomarnos demasiado en serio. Daquela si, daquela funciónanos o dispositivo.

Todo o resto son chistes para cacatúas. Observacións máis ou menos sardónicas sobre a natureza humana. Como este artigo, trufado de malos chistes.

Reivindico a antipatía para os momentos de lecer . O riso é magnífico (sobre todo baixo o influxo da sorna, retranca, socarronería, sarcasmo ou ironía, que non deixan de ser versións antipáticas da simpatía). Pero basta da tiranía dos graciosillos en serie. Dos publicistas co xogo de palabras. Das dentaduras obscenas. Chaplins, Grouchos, Marcels Marceaus ou Houses hai poucos. E así debe ser. En cómodas doses.

BSO: Get off the internet, Le Tigre

Datos de interese:

+ Outros seres insoportábeis: aqueles que xustifican unha putada dicindo: Lamento facer isto, porque tampouco me gusta que mo fagan a min, pero... E fano. Que pretenden soltando antes esa frase? Caer ben? Que lles perdoemos? Que lles aliviemos a culpa coa resposta de cortesía: Non pasa nada, muller, soamente me estás a botar do piso no que vivo. Tranquila.

+ Máis insoportábeis: Os que cando se trabucan, anoxan, enchen de coraxe e cabréanse contigo, que es a víctima do seu erro, cando deberías ser ti quen lles dese unha patada no cu. Estas dúas virtudes que veño de mencionar danse xuntas moi a miúdo e ambas concorren na fascinante personalidade da miña caseira.

+ Insoportabilidades menores: os que disfrutan deixando en evidencia. Os que, cando por fin aprenden unha cousa, non cesan de amosarlla paternalmente a todos os infelices cos que topan. Os que nunca esquecen conceptos aprendidos. O artistismo. A orixinalidade. Os que vaidosamente critican a vaidade allea. Os que critican aos que triunfan e presupoñen que son larcháns con sorte ou a chupan ben. Os que se gaban dun éxito despois de terse arrastrado como lamáchegas na lama e finxen sorpresa, como se non soubesen que levan 4 semanas chamando ao concelleiro/conselleiro/funcionario de turno día si, día tamén.

+Insoportabilidades maiores: a suficiencia. A pedantería. O paternalismo. A crueldade. A necesidade de sentirse poderoso humillando. A necesidade de humillar. A autocompaixón. O peloteo.

+ Xente que me cae ben: ti [achtung!! peloteo]. Eu. Os chimpancés.

+ Que sucederá neste intre nunha mina de ouro do Congo onde se traballa a eito? E nun planeta lonxano no que, polo visto, hai indicios de H2O? As dúas realidades conviven pasmosamente coa nosa e temos tendencia a considerar a última moito máis trascendente. Que simpáticos.

Marcadores:

posté par estibaliz... 6:46 PM

8 Comments:

Ultimamente e que non soporto todo o asociado coa risoterapia. Tócame no mais fondo porque semella referirse a unha incapacidade en min, unha carencia...e que son de riso tan dificil, e de humor tan escaso, que semella unha campaña para que tome conciencia da miña grave enfirmidade e me poña en alarma a percura dunha axuda. Pero o peor é que sei que nunca funcionaria a sua terapia conmigo. Así que a miña cronicidade anxelastia está garantizada.
Se os anxelastos tenden a ver en toda broma un sacrilexio é porque, en efencto, toda broma é un sacrilexio. Hai unha incompatibilidade irremediabel entre o cómico e o sagrado, e so queda preguntarnos onde comenza e onde acaba o sagrado.. Estará confinado só no templo, nos museos-campos de concentración, ou ao extender mais alá o seu dominio tamen, tamén fan seus os chamados grandes valores, a maternidade,o amor, o patriotismo, a dignidade humana. Aqueles para quen a vida é, por enteiro, sen restriccións, sagrada reacciónará ante calquera broma con irritación, encuberta ou non, porque en toda broma aparece o comico, que en sí, é un ultraxe ao caracter sagrado da vida. A única saida é pois unha ironía ao serbicio do mais alto ideal, ou unha comicidade xurdida da imposibilidade de tomarse mais en serio a seriedade dos humanos. A ironía empacha e o comicidade xurdida da autenticidade desa mirada desvelada dura pouco...pouco mais que un comenzo a pesar de que se desexe tanto a bocanada aberta de ar que osixene, que anove o humor, a min eso sucedeme contigo Estivaliz.
Miguel levita
Hola,

he leido muy por encima tus poemas y me han gustado mucho, tenemos un blog conjunto que se llama pelagatos alunados -entre otras cosas- (que en realidad solo edito yo) y me gustaría incluir algunos poemas tuyos en nuestro próximo número de pelagatos magazine.

Mi correo es

habitantedelaslineas@hotmail.com,

si te parece podemos comunicarnos vía correo…

Un beso.

N. Santiago.
Hola,

he leido muy por encima tus poemas y me han gustado mucho, tenemos un blog conjunto que se llama pelagatos alunados -entre otras cosas- (que en realidad solo edito yo) y me gustaría incluir algunos poemas tuyos en nuestro próximo número de pelagatos magazine.

Mi correo es

habitantedelaslineas@hotmail.com,

si te parece podemos comunicarnos vía correo…

Un beso.

N. Santiago.
Enviei un comentario, e como non o vexo reproducido, non sei se foi omitido, se fose así entenderei pola calada que as miñas visitas neste blog están de mais, se non se recibiu por un erro tecnolóxico gostaría de sabelo.
MIguel levita
se non se quere referenciar no blog, este é o meu enderezo electrónico: Miguellevita@gmail.com
Miguel Levita: neste post este foi o único comentario que recibín. Hai outro comentario seu no post anterior [o do funcionalismo e a necesidade]. Non sei se refire a ese ou seica perdeuse algún comentario nas idas e vidas á caixa de correo na que se me notifica...ou seica vouno recibir mañá pola tarde,porque non sería a primeira vez que recibo correos de 2 días antes.

Se quere, vólvao enviar e, unha vez o reciba no meu correo, poderase publicar
Hai un disco de The Refrescos que se chama "Simpatía por el débil".
Ven moi a conto deste post.
Gustoume o post, Estíbaliz:)

Bicas de fanecas bravas!

Xa sei que son unha pelota, contigo..
Gustoume o post, Estíbaliz!

Bicas de fanecas bravas!

Add a comment