...mmmm...

01 março 2007

...e, por exemplo, Berlín...

Creo que falarei de Berlín.

Nunca estiven en Berlín.

En Alemaña si. 4 horas no aeroporto de
Frankfurt. Supoño que non vale. Orde. Simetrías. Ebbelwei. Sombreiros con plumas, como o de Guillermo. Tartas de cereixa. Goethes nas duty free.

Pero nunca en Berlín.

A xente fala de Berlín. Nas películas aparece Berlín. Nos teatros. Marlene, din. Marlene é Berlín. Berlín é algo que se destroza. Unha femme fatale que bebe de máis. É altaneira cos ianquis. Perde a compostura. Perde a guerra.
Heidi Kühn-Bode, co seu rostro macizo, os ollos que afunden en enseadas bávaras, levanta un dedo e di: Estíbaliz, ti deberías ir a Berlín.

Na terra na que nacín e me tocou vivir,
ela publica textos emocionantes, copiceibes e titúlaos berlín.

En coche, de pasada, vexo un deses cafés tristóns, olleirosos: Café Berlín

Chaman por teléfono: hai que cantar na inauguración dun novo modelo de Porsche. Os tipos que argallan a première no concesionario queren cabaret berlinés. Están nerviosos. Directamente proporcional á pasta en xogo. Todo elegante. Todo en alemán. Así disimulan mellor que non comprenden nada. Non pagan mal. O meu alemán é atroz. Canto en alemán. Lembro retallos soltos de arias e lieder pasados. Liebst du um Schonheit, o nicht mich liebe. Mahler. Mozart. Pero agora Kurt Weil.

Aterra na miña cidade un
actor co que traballei hai un tempo. Vive no sur de Inglaterra. Tráeme osiños de regaliz. Pasta de dentes de anís. Trigo sarraceno. Miso xaponés. Unha charla sobre medicina tradicional chinesa. Física cuántica. Nomes de videoartistas. E fala dela outra vez. De Berlín.

Berlín-di-. Árbores. Xente que chegou de toda Alemaña para librarse da mili. Para fundar algo novo.

[Ab urbe condita.

A cidade nova. A cidada fundada. Berlín terá unha aburbecondita. Berlín é unha ave fénix]

Por un momento traspaso os seus ollos. Son espesos, como o manto dalgún animal. Detrás deles, visualizo Berlín dende o alto. Había unha película que comezaba así. De Wim Wenders. Menciónollo. Si, tamén o lembra, un anxo subido ao alto do monumento da Niké, da Victoria, nunha praza grande. Tan lonxe, tan cerca, continuación de O ceo sobre Berlín.

Vivo nunha cidade que ten algo similar ao que sempre quixen encaramarme: un ganimedes a lombos dunha ave fénix [ou dunha águia Zeus]. O logotipo escultórico da Unión y el Fénix Español. É un monumento cativo, tan lonxe e tan cerca do berlinés, coido que satisfaría ben a miña teima de camiñar por tellados.

Esa teima megalómana, adolescente, de contemplar unha cidade dende o alto. Dende o Monte San Pedro. Dende o obelisco Millenium. Vivo nunha cidade que sufríu certo despotismo megalítico: unha morea de edificios e instalacións de vaga utilidade deseñados para o oh das clases medias. Monumentos para amosar á familia que vén de fóra. Todos rematados nun displicente -um: Fórum, Coliseum, cataratum. Para insinuar unha maxestuosidade postiza, cesárea. Ou para pintar de culto un lugar simplemente simple.

Vivo nunha cidade que non é Berlín.

Unha cidade que por veces semella unha caixa de música. Un xoieiro. Unha caixa coas diferentes clases de vento.

A cidade. Unha especie de pulmón con asma onde capital e cultura rebozan polo chan. Tirando dos pelos. Dicíndose Ámote a ti, só a ti.

A criatura mecánica visualiza as cidades como campos electromagnéticos. Lóbulos de forzas. Berlín é unha gran man mecánica abatendo un oso.

A cidade na que vive a criatura mecánica é a espiña dorsal dunha balea, mordida por gaivotas, por isóbaras. Hai recantos predilectos. Claro. Espazos de pedra, bancos, cúpulas, torres de comunicación, centrais de procesado de petróleo, almacéns de mercancías, guindastres, zapaterías, vías férreas, piscinas, planetarios, salas de cine, baixos de local con 30 tipos de té, redes, rúas nas que por primeira vez aconteceu algo, nas que me perdín, nas que te vin...

E a estatua do ganimedes sobre a ave fénix. Raptado por Zeus. O lugar de congregación dos anxos desta cidade, se é que os tivese. Alí beberían néctares, ambrosías. Ribeiros en cunca. Contemplan, xa borrachos, á xente do Cantón, con tenrura. Coa aquiescencia hipócrita do que non comprendes nin te gusta, pero aceptas. Vomitan sobre o Palexco, o mamotreto que as corruptelas quixeron enchufar en vez do edificio funcional, soberbio, portuario e acristalado que propuña
Jean Nouvel para que á cidadanía non lle fose arrebatada a visión do porto, os seus silos incómodos, as súas macroestructuras.

Mexan sobre todo o feísmo da cidade. Máis que o feísmo, o hiperconstructivismo. Bican ás mulleres modernistas de fachada que viven esmagadas entre unha trabe e dúas ménsulas. Prometeríanlles o amor eterno porque é a promesa que sempre antecede ao resquebraxamento dunha fachada, que é algo moito máis modernista do que xamais supuxeron. Rin de todo e todos. Porque así é o postmodernismo.

E despois alzarían un voo lento, petrificado, cada vez menos, cada vez máis livián, agora xa moi livián, agora lixeirísimo

para desembarcar tras miles de quilómetros no escote triunfante, loveparade, da
Siegessäule de Berlín.

Berlín. Unha cidade que amo moito menos intensamente e que desexo coñecer moito máis obsesivamente que esta na que durmo, bulo, hiberno.

Que esta coa que sempre soño que é asolagada por un tsunami que engole o edificio de Facenda.

A miña non-Berlín disposta a ser botada de menos. Como se bota de menos un ollo de cristal. Como se bota de menos un microchip de memoria. Ese olor que xa non evocamos ben. Trazos dalgún rostro milimetrado que xa non nos saen limpos, como antes. A miña non-Berlín cativa. Acuosa. Pretenciosa. Transparente. Putilla.

Ás veces linda.

BSO: Die Roboter. Kraftwerk.

Mais en realidade estou escoitando PJ Harvey unha vez máis. Horses in my dreams. PJ Harvey escribe letras delicadas. Como esa homenaxe privada a Manhattan na que aproveita para falar de algo que non se di e do smell of our homelands: You said someting

Recuperei tamén a Radiohead. A limpa Nice dream

Datos de interese:

+ Diarios de las estrellas.
Stanislaw Lem

+ A el gústalle o mango verde impregnado en sal. El non ten nin idea de todas as cousas que me gusta que lle gusten. El non ten nin idea das veces que o observo privadamente. Como se fose a primeira vez que vexo a ese home na miña cociña. Con ese pavor emocionante

+
Alexitimia. Un robot con forma de montón-de-terra-baixo-o-que-vive-unha-toupa. Que ademais, súa. A alexitimia refire a un trastorno que impide baleirar as emocións nas palabras. Alexitimia gañou o 9.0 de Vida Artificial. Certame que toda criatura mecánica segue con vivo e autómata interese.

+ Na vella Europa vivía tamén Jan Svankmajer, filmando 1 segundo con 12 movementos de figuriña. A técnica da stop-motion. Plastilina. Arxila. Hai quen di que as súas curtas rompen a alma. Só por sentir que cousa tan polémica pode chegar a romperse, paga a pena.

+ Et cetera

Marcadores:

posté par estibaliz... 8:02 PM

10 Comments:

Gostei moito deste post :)
Bks
Tati
Non estiven en Frankfurt catro horas no aeroporto. Vivo en Berlín. Non é así.
Graciñas, Tati.

E grazas, Erika, pola testemuña en primeira persoa. Dasme para unha reflexión ao fío de todo o que non dis. Nese "así" do teu "non é así"... talvez te refires a que:

1.- Berlín non é como o aeroporto de Frankfurt. Moi amábel por corroborarmo, pero xa o imaxinaba. Do mismo xeito que fago a seguinte ecuación:

O aeroporto de Alvedro non é como Madrid enteiro

podo, mediante unha básica inferencia, deducir o mesmo do caso aeroporto de Frankfurt vs. Berlín

2.- Berlín non ten arboredas. Berlín non perdeu a guerra. Berlín non foi como unha femme fatale que tivo a mala sorte histórica de ser destrozada polo país máis pedante do globo despois de que a uns dirixentes se lles fose a pinza de mala maneira. Alemaña leva pedindo perdón e sendo a mala da película demasiado tempo. Non vexo que EEUU amose tanta condolencia por Hiroshima, Nagasaki, Vietnam, etc. Se te refires a iso, pois non sei qué dicirche.

3.- Berlín non é como a pinta Wim Wenders en O ceo sobre Berlín ou Tan lonxe, tan cerca. Vale. Agarrei as 4 cousas que sei de Berlín [perdeu a guerra, naceu Marlene Dietrich, hoxe é sinónimo de renacer de cultura europea, ten árbores e unha estatua da Niké no alto dunha columna] e dediqueime a utilizar esa cidade como pretexto para falar doutra.

A miña.

Na que vivo eu.

En realidade -e seguro que a miña torpeza como escritorzuela ten o 50% da culpa- as anécdotas encadeadas sobre Berlín e a miña relación distante con ela [un día rocei Alemaña 4 horas, un amigo fálame de Berlín, vin pelis de Wenders ou Fassbinder, canto en alemán...], relación distante ao meu pesar... todo iso funciona como envoltorio para falar doutra cousa. Non falo de Berlín. O título e o comezo son engados.

Encantaríame coñecer ese Berlín no que ti vives, pero máis coas túas propias palabras. Eu só podo falar da cidade na que vivo i esbozar un enorme signo de admiración por esa que non coñezo ou da que sei 4 trivialidades que sabe todo o mundo.

Diso, máisoumenos, vai o artigo.

Así que o teu "Berlín non é así", non sei moi ben por que vai, en concreto.
O don do escritor, que nada a ver ten co "escritorzuelo", reside en poder tomar como escusa calquera cousa para falar do que se lle antoxa. Por iso precisamente gostei do post. Pensei que resultaba obvio :)
+ bks
Tati
Ah, claro, Tati. O da escritorzuela que asina estas páxinas non ía polo teu comentario, senón por outros.

Agradezo de veras as túas palabras. E si, coincido en que, en definitiva, o extraordinario consiste en atopar un macguffin atractivo para despois falar do que a un se lle antolla. É un engado. Pero ao engado sempre se enrosca a seducción, como unha serpe.
eu que tampouco nunca vin berlín, confío nas túas palabras ;)

tes que cantar en alemán pra min ;) visítoche esta semana.

biscochos!
Vivín en Alemania catro anos, dos dos oito aos doce anos. Vivín nas aforas de AAchen, Aquisgran, falaba alemán, ía a escola alemana. Facía longuísimos percorridos de camiño a esta escola, estaba a facerme un alemán, montaba no tranvía amarelo e baixaba a cidade, que tiña unhas burgas de auga quente como as de Ourense, pero cheiraban mal, moi mal. Pasei a infancia espiando niños de mirlos, inventándome amigos, era o único neno nunha enorme finca cun inmenso xardín e era consciente das ruinas da guerra, miraba intensamente a entrada dos refuxios antiaéreos no centro da cidade, imaxinaba os referentes das palabras cando algúen falaba da guerra. No xardín tapaba unha villa de rego un casco de soldado alemán, fora da finca camiño do sur, a cada pouco había tumbas de soldados, cruces chantadas nunha erva fina e escura, moito mais escura que a galega. Deutcheland. Sabía que algo terriben acontecera, sabía que había vontade de esquecemento, un dos xardiñeiros contaballe ao meu pai anecdotas da da alemania nazi...médicos xudeos boisimas persoas...seu xenro nazi entusiasta, que todabía ensinaba sen pudor o seu tatuaxe de da Gestapo no hombreiro. Deutcheland...Alí comecei a escoitar aos Beatles, vivín o acontecemento da morte de Kenedy e vin a uns vexos xudeso veciños chorar por algo acontecido para min tan lonxe, que non comprendía a súa emoción...tomei conta entón de que algo cunha dimensión escesiva todabía actuaba nos maiores....nas tristezas dos rostros...a súa gravedade...os abrigos marróns...No centro Galego, os domingos elevábase o optimismo pragmática con películas de John Wayne.
Alemaña.....encontreina moitísimos anos despois con Madame de Stael, con Horderlín, Novalis, Kolhaas...e comezei a sentir esa esfera de silencio tan alemana e dentro agora pronuncia as súas sentencias de cando en vez Celan, e repiteme un Salmo que fala duns xardíns onde viu por primeira vez un vestido de muller, estaba torturando Job a súa muller, logo de cortarlle o pescozo, millares de homes dun pobo chamado a perpeturar algo, exclamaron con voces de terror nas montañas, endurecéronselle os ollos, arrastraron a lingua polo deserto e durante corenta anos, beberon auga das rochas e naceu o destino.
Acolleronse a el os depravados, os lúcidos, os loucos foron a única resistencia,ornamentóuselle con cintas e sacouselles nas festas.
miguel levita

Feliz día internacional da poesía!

(a 21 de marzo de 2007)
Vin que recitabas hoxe en Oleiros, unha mágoa non poder ir e sen máis un saúdo.

Eu tampouco estiven nunca en Berlín.

Add a comment