...mmmm...

09 outubro 2006

Sen Arquía, por favor

Por suposto que si. Son anarquista.

Cousa que carece de importancia, porque o alicerce do anarquismo é que tamén o sexan os demais. Esa é a base da autarquía, da autoorganización. Non esa idea banalizada de que a anarquía significa que todo o mundo fai o que lle dá a gana e isto é un cachondeo (que esto es Jauja, como di miña nai). A idea un chisco máis elaborada -e que por iso require que pasemos os ollos dúas veces por riba da súa expresión tipográfica- a idea de que o ser humano pode prescindir do poder e a autoridade para vivir en sociedade.

É o anarquismo un tanto inxenuo?

Como que o ser humano pode prescindir do poder e blablablá? Como que o home pode vivir en sociedade sen instancias coercitivas?!

O anarquismo confía no poder de mecanización e interiorización das normas cívicas por parte do ser humano. Coido que se trata do sistema sensistema máis digno para a coexistencia e case cohabitación de 6.000 millóns de embigos neste planeta. Cifra que é moi fácil de dicir pero algo máis difícil de pensar. Hai quen satiriza que os postulados anarquistas caen no cándido optimismo ao presupoñer que eses 6.000 millóns van compartir osíxeno e petróleo en harmonía cósmica. Pero é que pensemos un intre: se cada un deses 6.000 millóns é consciente de que non existe ningunha instancia por riba del, ningún dispositivo ou sistema argallado co único fin de espialo, castigalo, sobreprotexelo, oprimilo (ergo, ningún deus, alomenos cristiano e penso que islámico e xudeu tampouco)... non se reducirían as posibilidades de gozar facendo sentir mal a outros?

Seguramente non desaparecerían. Mais, non se reducirían?

Argüirán: psicoloxicamente precisamos sentir que hai algo supremo do que formamos parte. E permítanme: a especie homo sapiens sapiens, o sistema solar, a galaxia Vía Láctea, o reino animal, a vida baseada en cadeas de aminoácidos, carbono e división celular... non abondan? Precisamos siglas, rostros de líder, directivas perpetuamente reunidas, homes e mulleres carismáticos que decidan o que é bo ou malo o que debe ou non debe facerse? Precisamos un must be sempre?

O punto clave do anarquismo é, como lembra citando o señor
Chomsky, que a propiedade privada dos medios de producción é unha forma de roubo. E a quen cita é ao señor Proudhon, orgulloso en ser o primeiro en autodenominarse anarquista.

Pero, quen coño son os medios de producción? Ocórreseme (pero creánme que non todas as cousas que afirmo se me ocorreron a min, a min a primeiriña) que han ser as formas de manifestarse e reproducirse tanto dos caricaturizados capitalistas con puro como do supraórgano máis potente de toda sociedade - se excluímos ás grandes multinacionais i entidades financeiras-: o Estado.

O anarquismo pasa por riba desa falacia especulativa que é a democracia actual e que enche a boca dos políticos de medio mundo porque adoita protexelos cunha especie de aura de invulnerabilidade: quen pode atacar os principios democráticos? - pensa o denostado señor Arbusto mentres fríe unha salchicha e bebe Duffy [sic]-. Logo, quen pode atacar o que eu digo sen caer no puro terrorismo?

E mastica a salchicha tan campechanamente que provoca un chaparrón en Irak que esmaga de golpe a 25.000 civís.

25.000. Unha cifra fácil de dicir. Difícil, difícil de pensar.

A democracia é un xogo de espellos baseado en que o teu reflexo equivale a ti mesmo. E que entón, un señor con bigote que fuma Ducados, come cochinillo asado, especula con accións e constructoras, pertence a un partido con determinadas siglas, e ten unha muller chamada Agustina e unha amante china chamada Li Si... que entón ese señor é ti mesma. E pode representarte. A ti. Que es vexetariana, estudas matemáticas, tes por amante a unha veciña loira e baixas soa ao cine de cando en vez. Só en virtude da maxia das urnas. O teu reflexo democrático é ese señor.

O principio de representatividade democrática é tan falso coma o xogo de espellos do final da
Dama de Shanghai.

Entón, se cremos con candor que tal representatividade é posíbel... non é lexítimo o candor de pensar que, sen o poder do Estado, o mundo é factíbel? E non só factíbel senón agradábel?

O Estado é un tumor que se apropria do novo ser vivo que conforma a sociedade a humana. Sosteño que un tumor nace do empeño en ser inmortais. É unha desobediencia, un descontrol. O Estado, como forma de poder que é, igual que o foi a Igrexa (ollo, non a relixión), empéñase cegamente en persistir. O mantemento do poder, e non o ben común, son a finalidade reservada de todos os Estados.

O fondo reservado de todo estado.

E dado que se alían coas superfinanceiras, coas ultramultinacionais, cos megamedios de comunicación... en realidade, quen diaños compón o Estado? Cal é o seu poder de decisión final?

A burocracia, un engrenaxe demencial só apto para anódinos, é unha das bazas máis fortes a prol da necesidade do Estado. O Estado, como un fabricante de coches, véndenos a idea de que é necesario cambiar de coche. Pero nunca deixar de ter coche.

Como existe o equilibrio mundial sen Estados? Quen ocuparía as cadeiras da ONU? Realmente hai decisións que non estean supervisadas sempre polo FMI?

A fin de contas, que é un Estado?

Unha multinacional, como a Igrexa, que vende identidade social, lingua e cultura comúns, policía, logotipos visíbeis?

[A Igrexa contou no seu momento cos elementos da primeira gran multinacional da historia: un logotipo impactante, un carismático fundador que lle lega todo ao seu fillo sen deixar o poder, sucursais en canto outeiro existe no mundo, un libro marabilloso que contén o todo, unha superempresa vaticana que patrocina arte, literatura, enxeño... ata que topou coa ciencia do século XVI. E productos venábeis tan suculentos como a alma, o perdón, o sosiego familiar e a consideración grupal. A Igrexa cristiá foi o modelo de Coca-Cola, Ford, Nike ou Maquiavelo].

A vontade de mantemento no poder do Estado choca frontalmente coa vontade de poder do individuo. Mesmo coa vontade de poder de certos grupos sociais, lobbies, etc...

É sospeitoso que un Estado sexa reacio a modificar as bases que o lexitiman: constitucións, sistemas electorais... Cando un organismo tende a perpetuarse sen importarlle o entorno, sen ter en conta o concepto esencial de caducidade... é un organismo tumefacto, é un tumor, un cancro. É un vulto sen funcionalidade algunha, ou cunha funcionalidade mínima disposta para disimular.

É algo similar a un Estado.

Por suposto, eu non teño as respostas a todas as preguntas non retóricas que plantexei. Só sei que o pretendido Kaos que, en teoría, sementaría a supresión de dogmas e poderes estatais, no meu imaxinario persoal paréceseme moito máis a un Kosmos. Á orde. Á cosmética. A cooperatividade, a horizontalidade, o intercambio libre... pintan un mundo no que a expansión persoal ten moito máis sitio. E non perde de vista o xogo de que aquí todos somos prisioneiros e colegas. Co que traizoar ao outro con tal de conseguir un obxectivo individual supón sempre a peor das eleccións posíbeis...

Talvez noutro universo.

Nun deses que flotan nas posibilidades numéricas de Pi.


BSO: David S., ou
S. David, puntualizou unha vez que Police eran como punks guapos. Police soan a psicofonía da casa da miña nenez e adolescencia, non porque os escoitara eu, senón polo meu irmán. A día de hoxe resolvo que foron un grupo moi bo. Bastante ácratas no seu son, alomenos no sentido do mainstream da época. Creo que nin siguen a ninguén nin fan escola. O peor de Police foi que Sting se parecese tanto a Beckham. Pero iso non podían imaxinalo.
Así que hoxe poño Spirits in the material world. Unha especie de nihilismo espiritual.
E Bring on the night. Un himno á noite, xa dende hai varios séculos louvada. Carpe noctem, como diría un spot dalgunha destilería...


Datos de interese: A película Pi, segundo revelan os
microsiervos, amosa no seu cartaz un número Pi inventado, copypasteado i, en definitiva, erróneo. A peli tamén é un pouco copypasteada ela en si, pero a estética turba case tanto como o número que reflicte. Polo demais, mestura batidos todos os conceptos e atrezzi fascinantes da matemática de fins de século (XX): fibonacci, xogo do go, teoría do caos e, por suposto, pi. Só botei en falta os fractais.

Quero ver El laberinto del fauno. Este é un dato de incuestionábel interese xeral.

Sí, por suposto que si. Son anarquista. Pero anarquista contradictoria. Por exemplo, voto nalgunhas eleccións. Non lin a Bakunin directamente. I engaiólame a idea de que fose un nobre. Un nobre anarquista. Dacabalo polas estepas. Mal gusto sentimental, que lle imos facer.

Anoto que aos 2 meses e poucos días o ser humano ri cando ve a súa imaxe reflectida nun espello. Como cada vez vai vendo mellor, cada vez ri máis.

Sabían que o número e expresa crecementos exponenciais sen límite, como o dunha colonia de bacterias ou o dunha fraga que volve crecer tras ser asolada nun incendio, por exemplo? Non, qué coño ían saber (talvez o saiban, talvez o saiban). O que si sabemos é que os montes galegos arderon. E que, con o sen número e, custará un ril medioambiental volver a dispor deles. Xa sei que o digo tarde. Sei que no seu momento non o dixen aquí. Xa chovía demasiada palabra con respecto ao tema. Un home que coñezo e que seguramente le isto agora mesmo [ ola] di que quen provoca un incendio había castigarse seguindo esta lei celular: un asasino mata X células vivas cando se carga ao seu xefe, por exemplo. Pois ben, o autor dun incendio matará X elevado a n células vivas. O meu amigo afirma que o castigo ha ser proporcional. I en praza pública, suliña.

Máis que anarquista, escollo a designación ácrata. Máis acre, máis ácara, máis arácnida, máis contundente. Un pode discutir cunha anarquista. Cunha ácrata [malia ser o mesmo] semella nin pagar a pena. É unha verba que araña.

Miro os anuncios. Máis que os programas que van en medio. Os de coches. Agora que se leva certa magnificencia humana, certa trascendencia neses spots (sobre todo os de coches caros: BMW, Mercedes, Audi) recoñezo conmoverme co de
Bruce Lee: Be water, my friend. Mal gusto sentimental de novo? Ouh, shit.

Be water. Hoxe chove.

Créditos das imaxes: colección persoal

Marcadores:

posté par estibaliz... 9:42 PM

12 Comments:

Aplaudo a consideración que fas do anarquismo, "a forma máis elevada de organización social".
Canto ao resto dos interesantes apuntamentos, non podo evitar que me remitan ao mundo espiritual, tal vez polo meu interese por un esoterismo humanista. O asunto da teoría dos xogos, por exemplo, lémbrame os contos sufis do Mulá Nasrudín en que soluciona problemas descubrindo a contradicción interna do pensamento intelectual baixo, é dicir, pouco elevado espiritualmente. Como aquel caso en que estando o Califa de Bagdad cansado da falta de sinceridade do pobo, e cunhas ansias de mellorar moralmente a comunidade, dá a orde de que a partir da mañá seguinte todo aquel que queira entrar na cidade será interrogado polas súas verdadeiras intencións. Se di verdade, poderá entrar, se mente, será condeado a morte. O Mulá só tivo que apresentarse de primeiro aquel día para desmontar tamaño despropósito, demostrando que o coñecemento auténtico non se pode atinxir cun mero exercicio matemático...
Conque Mula Nasrudin, eh? Vaia. Iso lémbrame ao día no que coñecín ao Mula Nasrudín, hai moito moito tempo...

Sedíame eu no monte Planetarium da pequena cidade na que vivo. Nunha especie de xeira campestre. Había un can e logo persoas. Dúas das persoas comezaron a contar historias dun místico sufí, o célebre Mulá.O que por entón era meu mozo e mais eu ficamos moi prendados del. O meu mancebo regalaríame anos despois un groso libro con algunhas das súas historias. Historias de enxeño ao estilo persa das Mil e unha noites ou do conde Lucanor (que tamén é estilo persa, mal que lle pese ao infante D. Juan Manuel).

Co que creo que teño adiviñado a túa identidade, levantador (e dou por feito que nunca quixeches ocultala). O que non adiviño (e que supoño que debía adiviñar) é o que dixo o Mulá na entrada de Bagdad para desmontar o mandato do califa. Pero na miña casa de ferreiro, corto sempre con coitelo de pau.

O que si que, sexa o que sexa, as tropas americanas si deben telo adiviñado, por desgraza.

En canto á espiritualidade da que, entendo, non cres que gocen as matemáticas, permíteme disentir. Creo que a matemática é un puro espírito que lle atribuímos ás cousas, igual que moitos conceptos da física: son esoterismo total. E recomendo, se podes/se queres/se non o fixeches xa, que lle botes un ollo aos postulados de Arthur Koestler, un tipo que, dende unha óptica de certo escepticismo científico, recoñece o abraio das coincidencias e do azar. Ademais, escribiu Espartaco. Só por iso paga a pena, coido.

Mmmm. E se o Nasrudín di algo así como: "se entro nesta cidade ídesme matar"?

De todos modos, iso non é matemática: é lóxica. E a lóxica sempre é fuzzy logic. A verdade e a mentira non son como 0 e 1. Son sempre relativas ao contexto... (un fabuloso profesor de Lingüística que eu tiven bromeaba que habería que fabricar un carimbo que dixese: "Depende do contexto" para estampalo en todos os nosos xuízos de valor...).

Encantada de tervos atopado por estas corgas misteriosas que ten a rede! Somos como as pantasmas que viven na máquina. Atopámonos sen o corpo e custa un chisco máis dilucidar quen somos no Mundo Real :)
E a ver qué vos parece esta coincidencia. Lendo cousas sobre Police, despois de ter escrito o post no que aparecen como banda sonora, vexo que dous dos seus discos, Ghost in the machine e Synchronicity, deben o seu nome a conceptos ou títulos de...

Arthur Koestler.


Unha só pode dicir, ante este universo de rimas: Vaia!
Efectivamente, cando lle preguntaron ao Mulá, para saber se mentía, a que viña a Bagdad, dixo: "Veño a que me maten". Os contos do Mulá teñen como propósito, até onde creo saber, a apertura da mente a unha maior percepción desbloqueando engrenaxes que poderían estar a funcionar deficientemente. Deficientemente para quen pretenda un nivel de comprensión da realidade maior, por exemplo.
As matemáticas naceron no ámbito da Tradición, e por tanto na súa orixe, como na de todo coñecemento, atoparemos imbricado o saber espiritual. Só na modernidade, coa caída dos deuses e a entronización do mundo material a través do racionalismo, se poden atopar matemáticas ou calquera rama da ciencia como afastadas dos aspectos transcendentais. Iso non quere dicir que hoxe non existan persoas que traballen na ciencia desde esa perspectiva Tradicional, só que oficialmente eses aspectos son públicamente arquivados na carpeta da superstición ou, como moito, da filosofía antiga.
Pantasmas da máquina! Asáltanme o disco duro orgánico secuencias de The Matrix e Contact. Canto á primeira, o proceso de iluminación persoal con reciclaxe do dragón incluída (que é como a súa morte). Canto á segunda, que tamén é unha viaxe inciática, sabías que na novela de Sagan na equipa asesora do proxecto figuraba un sufi?
Respecto á cuestión da identidade, desde esta semana incluín os datos persoais d'O levantador de minas. Para que non pense ninguén que se pretende máis usar unha máscara que un recurso poético. Aínda que ti xa non precises descubrir nada.
Un abrazo sideral.
Quedeieme ¨sorprendida¨ co teu texto. Non sei .. tiña outra perspectiva ? de ti.
Agora mesmo sintome agradecida de poder haberte coñecido.( non digo que non o estivese antes).
Vivir es anárquico, morir es democrático, prefiero la acracia.
eu son de Chomsky







(e ti de quen es?)
Este comentário foi removido por um administrador do blog.
gustaríame poñerme en contacto contigo, motivo: aula de poesía na facultade da Coruña. Deixo o meu correo electrónico(bertadavila@gmail.com)¿Poderías mandar un mail baleiro dende unha dirección de correo á que poder contestar? Quedaríamos eternamente agradecidos :-)
Moitas grazas
ROMANCE DEL PRISIONERO


Que por mayo era por mayo.
cuando hace la calor,
cuando los trigos encañan
y están los campos en flor,
cuando canta la calandria
y responde el ruiseñor,
cuando los enamorados
van a servir al amor;
sino yo, triste, cuitado,

que vivo en esta prisión;
que ni sé cuándo es de día
ni cuándo las noches son,
sino por una avecilla
que me cantaba al albor.
Matómela un ballestero
déle Dios mal galardón
Anarquismo e poesía: Herbert Read
http://andar21.fiestras.com/servlet/ContentServer?pagename=R&c=Articulo&cid=1006978973134&pubid=979757022881
Sobre o noso maior poeta anarquista:
http://olevantadordeminas.blogaliza.org/2006/03/26/manuel-antonio-e-o-anarquismo/

Add a comment