...mmmm...

24 fevereiro 2006

Neve (II)



Post que dedico a unha María de Liége que viu nevar e a unha Elena de Córdoba, que non viu nevar, pero si a neve e as fotos da neve e á xente falando de cómo e qué bonita e plácida e fotoxénica estaba a neve...


Neva.

Se un texto calquera ou unha película calquera comezan así, a min xa me cautivaron. Un xeito moi xaponés de ordenar o mundo: facelo nevar.

De ordenar os textos: cubrilos de neve.

Un xeito fermoso de morrer ou matar: na neve.

O frío ten un encanto primixenio, de penúltima glaciación. A conxelación é un fermoso e letal estado da materia. Quizais porque derreten os glaciares, porque sobe a temperatura da terra, porque exhalar un bafo visible seduce. O frío será un valor no futuro. Un ben escaso, como a delgadez hoxe en día nos países opulentos. Como a auga nos desertos árabes. Como a vida nos mundos inertes.

Os cristais de neve pousan sobre pestanas mecánicas. Clic. Clic.
Parpadexan. As folerpas seguen aí.

A neve é un drama sen ningún tipo de diálogo. Unha traxedia na que non se berra. Ten a temperanza dos acuarios, a rotundidade das guillotinas, o silencio dos sistemas solares...

Eu quería que este inverno nevase. Por moitas razóns. Pero a principal...porque quería que este inverno nevase. Aquí. Quería pousar o meu ventre sobre a neve, como unha redonda osa polar. Criohibernar. Quería hibernar. Quería invernar. E quería hinbernar.

A neve facilita certos ritos. Certas comunicacións segredas. Certas paisaxes excesivas.
E cae do ceo. Alguén axita este puebliño metido nunha semiesfera de cristal e sucede.

Lista de cousas que os humanos encontrarán na neve

Marfín de mamut
Un buraco no medio dun lago xeado no que estivo pescando un esquimó
O coitelo do esquimó
Pingas de sangue
Aos protagonistas do conto de Nadal, de Dickens
A Robert Walser, que se matou na neve
A Eduardo Manostijeras
Tres corvos
A unha doncela moi fermosa comendo dunha mazá enveleñada
A algún protagonista dun conto ruso, de nome Iván
A algunha protagonista dun conto chinés, de nome Li
Pegadas de cromagnóns
Tigres siberianos
Hamlet, sen Ofelia
Nenos
Homes no cerco de Stalingrado
Un boneco cunha cenoura de nariz
Unha luva sen o seu par, perdida
Unha bota sen o seu par, perdida
Un meteorito calcinado
Moedas que afunden, afunden, xa non se ven
Un haiku que empeza: "Neva"
Alguén que esvara e cae
Unha raíña destronada
Camelias brancas
Un charco de sangue
Un animal ferido

Unha Alhambra
Roupa interior Victoria's Secret
Esquíes formando unha X
Instrumentos bondage sadomaso
Ríos de lava
Pedras de basalto
Unha máquina semisoterrada

A ushanka ucraína en pel de coello que perdín onte
Pegadas de alguén que camiñou cara atrás
durante un pedazo...
e logo
outra vez
outra vez
Neve


Datos de interese: Non neva

BSO: Pyramid song, Radiohead. Non fala de snow nin nada diso, pero a min Thom Yorke sempre me deu a sensación de estar cantando dentro dun arcón conxelador

©estíbaliz...espinosa

Marcadores:

posté par estibaliz... 6:41 PM | 15 comments |

12 fevereiro 2006

Primeira lista

maríademallou convocoume a un xogo en cadea.
A cousa comeza a ser obsesiva...

Cincomanías que me recoñezo:

1.-Facer listas de nomes
2.- Sacarme padrastros das unllas. Son fillastra dunha morea de carne
3.- Non reenviar os textos en cadea
4.- Non acabar de parecerme a ninguén. Co pouco que dá iso de si nas reunións familiares
5.- Durmir coa cabeza baixo unha fiestra

Cincomanías que non me recoñezo:

1.- Mirarme en todos os espellos da rúa (incluídas lúas comerciais de escasa opacidade)
2.- Non ser inmortal
3.- Rirme de todo
4.- Ter os pes fríos
5.- Ladear a cabeza cando canto


Datos de interese: vivo no mesmo mundo que Shakespeare, pero eu non creei unha Miranda. Senón un Yare.
Algunha vez tivemos cola. Pódese apalpar o resto na coxis se queren. Coidado. Dá grima.
Ao sol bótanlle uns dez mil millóns de anos máis.
As bacterias son quen de vivir millóns de anos en cristais de sal.
Platón admiraba a arte exipcia.
Marshall McLuhan vaticinaba a morte do libro tal e como o coñecemos.
Sobrevoei Ancares este martes e estaba nevado.
Un litro de aceite virxe custa máis de 4 euros.

BSO: Horses in my dreams. Teño outra compulsión/convulsión: escoitar perennemente a PJ Harvey desde hai dous anos (salvo pequenas excusións a Radiohead, Gentle Giant, Ali Primera, Coco Rosie ou macedonias polo estilo)

Marcadores:

posté par estibaliz... 9:15 PM | 12 comments |