...mmmm...

05 junho 2007

Little Afrique



Dispoño de 50 segundos para captar a vosa atención antes de que vos esfumedes de link en link, coas vosas botas de sete leguas.

Vivo rodeada de bolsas negras e caixas e libros, nun piso onde a luz fai perigar as cores. Sen cortiñas.

Sen mobles.

Somentes cousas. Ciscadas no chan co seu estatuto de cousa.

Mudarse é cambiar a disposición cerebral. Cando mudamos, a nosa vida pasa ante os nosos ollos. Pode facelo durante algunhas horas [se son poucas as pertenzas a empaquetar e hai camión de mudanza abaixo] ou varios días [como foi o noso caso, con non moitas cousas pero só dúas almas dende un andar sen ascensor].

Coa firme promesa de tirar todo o innecesario [que crueis que somos con nós mesmos], propoñémonos unha casa útil, orgánica, na que prevaleza a luz por riba do consumismo. Sorrimos almorzando horchata con fartóns sobre un somier aínda plastificado.

Facemos inventario de manías domésticas:

1.- Non aturar os zapatos da rúa na casa. En zapatillas ou descalza.

2.- Luces baixas, de mesa ou de pe. Dan un aire medieval que pode estropear un pouco a vista se pretendemos lernos Os Irmáns Karamazov, pero moito máis cavernoso ou cavernícola. Lareiro, en fin.

3.- Necesidade de ver ceo dende a cama. A maior proporción de ceo lonxano, maior sensación de que todo encaixa e de que esluímos no espazo coma lágrimas na chuvia, ras no estanque ou pílulas na boca

4.- Necesidade de poder realizarmos comodamente a fotosíntese dende varios recunchos da casa. Os pisos lúgubres que llelos dean aos de Facenda

5.- Procura pracenteira de esconderixos : os ocos onde enrolan as persianas; espazos mortos entre moble e parede; zócalo que se move. Isto dos esconderixos atribúoo a algún xen perdido de paleolítica superior, neanderthal a fuxir de homo sapiens, xudeus ou xitanos medievais agochando candelabros de sete brazos ou esmeraldas roubadas, pega común [Pica pica] ou filibusteira do XVII.

++++++++++++++++++++++++++++

Baixamos á rúa. A ulisquear. A vida transcorre prácida. Non a inmutamos. Debemos incorporarnos a ela con naturalidade.

O barrio é moito máis buligante có anterior. Máis novo. Demasiado tránsito. Máis trapicheo. No anterior todo eran casas con vellas medio cegas que esculcaban a xanela sen forzas, por pura teimosía. O barrio de antes cravaba no monte i era húmido. A humidade vivía na túa casa, comía da túa mesa, mordía no armario, nos peites. Formaba galaxias verdes no pan. Nas fotografías.

Era un barrio literariamente tuberculoso.

O novo barrio é seco. Alto. E, sobre todo, africano.

Velos e vente a ti. Sós, en grupo. Ante o locutorio. Con grandes bolsas de mercadorías. Cada grande cidade do hemisferio norte ten o seu little afrique, como o seu chinatown ou o seu pachamama.

O novo barrio é ese conglomerado que nos fai sentir cosmopolitas, como se ser cosmopolita tivese algo a ver con cosmos e con polis.

Son altos, lémbranme a I.

Hai tempo, coñecín a Víctor Omgbá. Camerunés. A excepción dunha regra. Escribe un libro semi-autobiográfico que se traduce ao galego e publica a editorial Galaxia. Colabora no xornal de maior tiraxe. Funda Equus Zebra. Esa vontade de se hibridar, como unha cebra, que é sen dúbida complicada a nivel mental. Todo inmigrante é un conflicto, con ou sen papeis.

Un conflicto mental, non social. Os inmigrantes, pola contra do que á xente lle gusta crer, non traen problemas. Resólvenos. Limpan as fosas sépticas que ninguén limparía. Conducen o metro. Extraen o carbón. Erguen paredes. Melloran a natalidade. Enriquecen o gastado pop local. Achegan novas especias e sabores á cociña.

Mália que quizais esta visión tamén sexa paternal: pobriños. Veñen facer o que ninguén quere.

O mundo tense poboado por inmigración. Ti e mais eu somos descendentes de inmigrantes africanos que estableceron por despiste en europa hai un millón de anos, cando Europa nin sequera posuía o aspecto dunha ninfa grega.

+++++++++++++++++++++++++++++

Vivo cun inmigrante. Iso me dá dereito a falar deles? A pontificar? Seguramente non. Pero adiviño o que é ter hemisferios cerebrais divididos en hemisferios planetarios. Hai inmigrantes que pasan o pecho ao que deixan atrás. Pero moitos soñan sempre que están no seu país. Sempre. Xamais terán un soño enrarecido na mina ou varrendo ruelas europeas. Os seus soñares transcorren ao outro lado, sempre.

Por Little Afrique vagabundeo, á procura dun chino. Os chinos venden a súa trapallada barata. Kitsch. Nunca vin un chinés nun cine. Só cobrándome ou servíndome tallarines ao glutamato. Os chineses coinciden cos senegaleses neste barrio. Non interaccionan. Os senegaleses arremuíñan ante os seus locutorios, os seus centros de comida e cultura, a súa asociación coa bandeira na porta.

Son altos. Os seus antepasados foron [é inexplicable] transportados coma sardiñas ao outro lado do océano para viviren e traballaren coma o gando. A súa fisonomía é a do home que corre. Que foxe. Non semellan flexibles, senón lixeiros. As cadeiras son altas. Intentan asemellarse a unha árbore. A unha sombra. Falan polo móbil, mercan cousas, charlan co seu lonxano sotaque francés. Estamos afrancesando en materia de políticas de inmigración [a pesar das friccións Zapatero-Sarkoszy], e non son quen de dilucidar se iso é bo ou malo. Bo ou malo son categorizacións infantís, inmediatas. Non serven para comprender, senón para actuar en consecuencia. Bo para o país que recibe inmigrantes? Bo para os propios inmigrantes? Bo para o fusion jazz? Para a literatura multicultural? Bo para anovar a savia atorada nas raíces da vella Europa?

O estraño inquieta e atrae. Se algo non nos inquieta, daquela é menos novo do que criamos. Por Little Afrique - ou Petite Sénégal, ou Cativa Mandinga- busco rostros, acenos que me expliquen o moito que me perdo, tanto como podería conmoverme. Olen a algo. Aquí a xente é inodora e, no peor dos casos, ole a alcohol disfrazado. Nós tamén ulimos para eles. Os xaponeses da Idade Media consideraban que os europeos que chegaban as súas costas ulían a manteiga rancia.

Esa pode ser unha explicación. A inmigración é necesaria porque precisamos anovar a nosa atrofiada paleta de cheiros.

Pero non, o argumento évos outro. A inmigración é inevitable e a súa discusión, absurda. Aquí vense en busca de Eldorado, i esa pesquisa é honrosa e digna. Só chegan os mellores. Os máis preparados. Os que tiveron máis sorte. Os que puideron. Así se di.

E será por iso que boto de menos os tocados de cores das mulleres africanas por esta provinciana Little Afrique.

Datos de interese: uns paxaros da ría da miña pequena cidade- carricerines cejudos, a quen poida interesar-, en contrapartida, invernan en Dakar. Nalgún momento, aves e humanos cruzan no Atlántico ou en Xibraltar. Aos paxaros a vida pésalles pouco. Voar é sinxelo. Non soñan. E se soñaren, é sen dilemas xeográficos.

Soñan que están a voar. Iso non os ata nunca a ningures.

Marcadores:

posté par estibaliz... 10:32 PM

10 Comments:

me captaste? puede ser. pasaba nomas para saludar. urbanotopia@gmail.com

necesita pedirte un favor, sobre LAE de perú.
haber si escribes.
beso.
gustanme moitisimo as túas manías domésticas: zapatillas, luces baixas, o ceo, a fotosíntese e tamén a procura de esconderixos. O malo é que á miña casa non todas lle gustan e algunhas mas fai moi dificiles. Con todo, o importante é non desalentarse...
grazas polo teu alento, torredebabel. Os teus comentarios vivifican un pouco este blog :]

as casas non sempre estan en disposición de aturar as nosas manías, dende logo que non!! Con todo, como coas persoas, hai que ir acoplándose, en plan nave nodriza e pequena dorna espacial...

os esconderixos, por exemplo, son moi fáciles de facer. O do sol.. aí xa non digo nada
Ola cheguei ata aquí e vaia, gustoume. Orixinal o teu blog. Coincido nalgunhas manías: andar descalza pola casa e ver toda a inmensidade azul pola xanela. Un saúdo cordial(valdeorosa-rosa)
Ola¡ cheguei ata aquí e, vaia, gustoume. Orixinal este blog teu...
A min gústame tamén andar descalza pola casa e ter moita luz. Un saúdo(valdeorosa-rosa)
Atopei o teu blog, logo de ler "o número e" e gostei del. Xa che dixera hai anos, na lonxa de Moaña no acto de Nunca Máis rn contra da maré negra, cando leras o poema que comezaba cunha alusión ao teatro negro de praga que a túa
poesía é marabillosa.
Están moi ben as manías domésticas.

Un bico
Suscribo, como no podía ser de otro modo, todo lo que dices sobre la inmigración. Como bien dices, la discusión es absurda para todos aquéllos que no pretendemos utilizarla por algún espúreo interés (tal como, por ejemplo, ganar un escaño).

Me ha encantado lo de la paleta de olores. Es cierto. Un día, subido en un autobús abarrotado de nuestra ciudad se puso a mi lado un africano; despedía un olor intenso, casi desagradable, pero a mí me recordó sensaciones vividas en África, en uno de los momentos más felices de mi vida. Cerré los ojos y aspiré profundamente; el placer apenas duró unos segundos, enseguida me entristecí por estar en un bus europeo y no bajo uno de esos cielos limpios que aquí sólo son recuerdos de infancia.

Otra cosa, para cerrar. Una cama desde la que conseguís ver un buen pedazo de cielo?? Maravilla, sin duda.

Gracias por seguir escribiendo.

PD: Y a mí también me encantan tus listas, tus manías, tus intimidades.
Rosa Enríquez: ola, chegaches ata aquí e, vaia, benvida. As manías domésticas son algo tan privado que, dende logo, nunca deben confesarse por enteiro e sen anestesia. Alégrome de que te identificaras con algunhas. Un cordio saudal.

Albagal: ola de novo, posto que xa nos coñecimos. Es moi amábel polas túas palabras. E tes un blog espléndido, passionária. Bicas.

Sen fronteiras: Xa se te botaba de menos. Xa en Santiago? A túa mudanza terá sido peor cá miña, entón.
E si, podo ver un gran pedazo de ceo dende a cama [con algún telladiño e antenas de televisión, claro].

Gracias a ti, home, a ti.

Espero que sigas reunindo cartos para viaxar a África axiña ;] Bicas
Si, xa vivindo por Santiago.
Non, a miña mudanza non foi peor cá túa polo que contas. A miña foi máis cara, menos persoal, pero, iso si, moito máis descansada e ordenada.

O troco polo de agora pagou a pena; esta cidade semella estar bastante máis viva cá nosa en certas cousas e o pisiño é o mellor dos últimos nos que estiven. É unha das grandes vantaxes do aluguer: facendo un esforzo podes vivir nunha casa da que non poderías ser propietario (salvo se deixas de comer, claro).

Polo de agora non reúno cartos para a viaxe, so ideas .....

E falando de viaxes, recoméndoche unha visita a un blog dunha familia que coñecín hai ano e medio en Tánger (bueno, so ao pai). Falaba de que ían coller un ano sabático para viaxar nunha rulot (escríbese así??) cos fillos polo mundo. Parecía unha locura, pero o fixeron e botarlle unha ollada ao blog .... non sei como explicar a envexa que sinto!!

O blog é: http://www.familleduchateau.canalblog.com/

É en francés pero iso para ti non será problema.

Boa viaxe por el si te animas.

Outro bico para ti.
as cousas ciscadas polo chan, amoreadas en caixas, pouco a pouco irán reptando sen que vos decatedes ata un lugar que lles sexa propicio e así construirase a casa co seu propio bioritmo. o barrio semella aberto e luminoso en xentes. mellor que a fechazón e humidade deste país de patios de luces.
as pinzas de cuqui colgan da miña nova neveira nesta nova cidade. todos os días me acordas cando abro o electrodoméstico para ir buscar leite.
eres un sol.
chamareiche para falar de cousas importantes como a incidencia da luz sobre as vosas baldosas ou a cadencia da tarde na rúa africana.
bicos enormes. fagan reparto deles.

Add a comment