...mmmm...

28 junho 2006

Made in China

Recollo do chan do que nuncapubliqueino2004 (e que levaba por nome Soñeime antes nesta escena) 3 fragmentos dun artigo acerca do madeinchinismo (fascinación e ubicuidade do Made in China), un espello desa nacionalidade (destes pequenos, redondos, de maquillaxe, para levar no bolso) e que enlaza coa nenez e cun concepto do que quero falar no seguinte post: a neotenia.

Se é que obrigas con hormonas e con novos dispositivos mecánicos así mo permiten, claro.

Velaí o artigo, digresión anormal, meandro inútil, vaga disertación, luxo vertebrado ou veleidade lingüística de criatura que ansía ser humana:

Made in China, pero para velo tiñas que darlle a volta.
Ao espello.
Porque eu levo un pedazo falando dun espello. Non sei qué maxia mutilada obra na escrita, que só recolle a partir dun certo momento unha fala longa coma unha vida. Non sei qué ten todo isto que só conta as cousas de certo xeito cunha remota analoxía á verdade.

Pero dicir a verdade é cousa de tan mal gusto.

Debe de ser por iso que os humanos nacemos estetas. E veneramos o bo gusto, ante todo.

E os espellos.

Eu tiña un diminuto espello que perdín nun entroido en Ourense, disfrazada de Lobo-disfrazado-de-Carapuchiña.

Cheguei a chorar por ese espelliño, espelliño máxico. Chameino cunha deliciosa palabra castelá imposible de traducir, “espejuelo”. Palabra que me arrastra nunha especie de ciclón laminado cara os contos de Antoñita la Fantástica e o colexio de monxas, ou xitanas con coquetos dedos sucios.
Espejuelo, espejuelo. Non respondeu.

Nunca a obscenidade da precisión cristalizou de modo máis homoxéneo que no Dicionario. E o Dicionario revélame que “espejuelo” xamais significou o que eu pensei. Péchoo, fascinada.

Tanto ten. O meu espello xoga agora cun rostro que non é o meu, perdido tralos antifaces e confetis de Ourense. Ou quizais ninguén o abriu desde que o extraviei, e atesoura o derradeiro rostro que mirou –o da Carapuchiña pintando os beizos -. Quero pensar que, tras tantos anos sendo eu a única alí dentro, alomenos gardarame unha superficial fidelidade, como lle cómpre a un espello que leva toda unha vida espellando un único rostro.

Superficie rozando superficie.

Galano dalgún cumpreanos da infancia, cando as cousas Made in China revelábannos un mundo ancho e liso de espello de xeo. Nunca houbo merda tan rutilante coma a china para un neno: a comida china, o plástico chino, os bazares chinos, os contos chinos...

(As mil e unha noites eran a voluptuosidade e a noite recortada contra un mirador de estrelas. Os contos rusos eran os pasos na neve e a brutalidade. Os contos de sempre eran as tres irmás. E os contos chinos eran os palacios de xade, as princesas de laca e os engados).

...a trapallada china.

¿E o espelliño?

O espelliño perdeuse no tempo, como tantas células miñas, coma os meus dentes de leite, as guedellas de princesa, os amores sucios e cubertos pola neve.

Xa o dixen: eu creo que teño dereito a ser nena toda a vida. Coma un espello, repítome para dar fe de min mesma. Os teóricos da comunicación chámanlle redundancia. Os poetas soltan a esdrúxula consabida. Anáfora. Para min a repetición é o xeito de estar sobre o mundo. A copia da copia. E a copia é a abundancia. E a abundancia, señores teóricos, señores poetas, é a vida.

Ou mellor dito, o espellismo da vida.

A xogos tales condúcenos a reflexión.

E sobre todas as cousas, o Imperio dos Sentidos. Cando perder un espelliño redondo, de cursi e primoroso motivo floral, redondo e vermello coma vísceras e mapoulas... cando perder un espelliño some na épica tristeza dun reino empañado a quen o perde. Cando botar o alento sobre a neve non nos devolve a nosa imaxe.

Sobre todo para quen a neve non é máis ca un dispositivo da beleza. Un ser que adormece nas páxinas escritas, nos poemas dignos de tal nome i en certas películas de insoportable fermosura.

Cando botar o alento sobre as nosas mans tampouco nos devolve ao mundo para ser de novo

NENOS

Emperadores dos Sentidos.
Caprichos fugaces.
Nenas tiranas e malhumoradas que olen a talco e a ouriños.
Donos de todas as súas imaxes, ata que o espesor do mundo os alcanza e os converte en servos.
A mistificación sensual, kitsch e sofisticada que opera nas infancias e nos productos chinos.
¿Idealizo a infancia?
¡Como se pode idealizar o que é i é sen volta de folla!

A glacialidade é o atributo da nenez. A distancia de espello coa que o observamos todo. En francés -ese idioma xenital que semella enfatizalo todo cun aire indolente- la glace é tanto o espello coma o xelado. Dúas entidades do mundo creado que conteñen a pureza da infancia, coma o interior virxe dunha esfera de cristal que neva copiosamente cando a volteamos.

O espello é a extensión principal do cerebro dun neno.
O xelado é a extensión principal da súa sexualidade.

Seguro que a primeira vez que unha crianza esquimó fai un buraco redondo no xeo para proveerse de peixe –seguirán a facelo?- o primeiro co que abraia é co seu rostro.

Cremos que temos dereito a ser nenos toda a vida.

(...)

Vendo fotos dos anos 30 e 40 un percibe que, naquela altura, os nenos vestían e adoptaban poses de homes e as nenas, de mulleres. Un mozo de 22 anos era, seguramente, un señor con gafas. Os pícaros da rúa apoiábanse con desidia no fondo da foto e fumaban descaradamente, pero aquilo non era máis ca unha paréntese que non mitigaba a súa presteza inmediata para empuñar unha arma, unha idea política, un discurso teórico.

En tempos bélicos, a infancia non existe.
Vale dicir, a infancia nunca existiu.

É na época de paz –mesmo que sexa unha paz puta e disfrazada-, que os mozos de 22 anos apóianse con indolencia no fondo da foto do catálogo de Versace, por exemplo, e devoran xelados cun desexo interminable que me atravesa, lámbeme os peitos, e chega tamén ata ti.

En tempos acristalados, a infancia dura ata que a persoa perde a capacidade de pegar o nariz no cristal e mirar cuán grande, indiferente e prodixioso é o universo.
Vale dicir, a infancia dura ata que un se fai funcionario.

Os nenos ricos sempre fomos nenos.
Mesmo os nenos pseudo-ricos, é dicir, os pobres de orixe rica. Hai un xeito de ollar que non se perde, e que só o proporcionan a opulencia, o bazar.
Toda a callosidade dos nenos que non son nenos, os nenos de favelas, de guerras africanas, de vertedoiros, de hospitais, de iglús, de orfanatos... seméllanos dunha fascinante cortiza. I en realidade somos nós os nenos acortizados que miramos o mundo desde o interior dunha nave unipersonal botada á deriva do espacio, cun cristal panorámico ao que fican pegadas as inmundicias do mundo: o sangue, o lixo, o seme de balea, os seres primordiais dunha célula ansiando como ventosas multiplicarse e bendecirse pola vida...

É nosa a callosidade que nos envolve, aínda que prefiramos dicir crisálida, ou lágrima, ou burbulla de Coca-Cola...

Pertrechados contra o que chaman inmundicia.
Contra o mundo.

Tanto é así que a asepsia constitúe a principal enfermidade dos super-nenos e nenas occidentais. O exceso de hixiene é posible causa dos estragos de alerxias, virus dixestivos, herpes zóster e demais patoloxías esotéricas. Estamos limpos como diamantes. E, como diamantes, buscamos a emoción, a víscera, a besta rabiosa da que ser carlanca, o pescozo tépedo que morder coa delectación que produce en nós o perdido. Estamos enfermos coma diamantes puros.

(...)

Pero estes son os vellos trucos lingüísticos dos poetas, que anaforizan, e repiten e tiran da súa chisteira unha chisteira maior.

Sigo falando do meu espelliño Made in China.

Négome a comer ata que a vida mo devolva."


BSO: China Girl, David Bowie ; BSO de El último emperador, Ryuichi Sakamoto

Datos de interese: Négome a ser rebelde, transgresora e orixinal. Son copia e plaxio e hormonas alborotadas que dictan a miña conciencia. Tampouco son intelixente nin fermosa e fartei de facer xogos de palabras constantemente utilizando parénteses e dobres sentidos para amosar o meu enxeño e as miñas referencias culturais. Négome a ser coolta.

Non estou na era na que me tocou vivir.

Pero agora vén a época estival. A miña preferida por tantas razóns que elixo non contar...

Porque o inverno, máis que unha época, é unha épica. Último xogo de palabras.

Neste puro instante, son hermafrodita. Pasen e vexan, feirantes, morbosos, amantes do feminino, a oxiva perfecta e a arquitectura orgánica. O espazo perfecto e a sexualidade perfecta.

Non quero saber cándo é lúa chea


"O seu corazón latexa máis depresa que antes do embarazo: uns 12 latexos máis cada minuto. A súa masa sanguínea aumentada circula máis axiña e uns 185 mililitros do seu sangue atravesan a placenta cada minuto" Marie-Claude Delahaye

"Algunos estudios demostraron que incluso a los recién nacidos les gusta mirar los rostros bonitos, que tienden a ser simétricos, pero sólo en el caso de personas que nunca antes vieron. Pero, sobre todo, prefieren mirar los rostros de sus padres y de conocidos a las imágenes de abstracciones" Nancy Etcoff



Créditos das imaxes: 1.- Foto tomada por Pequeña Esquimal. O espello que aparece non é do que falo no texto 2.- Foto de Noemí Cubillo, ser que tiven o privilexio de coñecer nunha relación desigual e que ten a sensibilidade fotográfica dunha película ISO 3200

Marcadores:

posté par estibaliz... 5:16 PM | 2 comments |

09 junho 2006

Lista de Lugares cos que Babexo ao os Nomear

Rhin [Rin]
Devesos
Samarkanda
Lobios
Besarabia
Salto Ángel
Luou
Ciudad Delicias
Macedonia
Shanghai
París
Zanzíbar
Matanzas
Cariño
Lobeira
Seixo Branco
Castro Daire
Deserto Pintado
Murmansk
Yucatán
Mundaka
Nairobi
Ons
Cnossos
Mikonos
Isla Tortuga
Nicosia
Berlín
Mar del Plata
Asilah
Nínive
Ulan-Bator
Estambul
Marrakesh
Cines
O Xen
Olinda
Ur
Atlanta
Madrás
Timbuctú
Harar
Namibia
Ispahán
Miranda
Yare

Algúns destes lugares non sei case nin ónde quedan (oh, atrevida ignorante!). Moitos outros, si. Claro que me dan igual todos eses que confunden afanosamente a intelixencia con saber ou non a capital de Kenia. Sempre me fixeron graza os esforzados en demostrar os seus espasmos neuronais con ardides semellantes. Cando un intenta deixar claro que é moi intelixente... ¿é intelixente ou petardo? Non sei por que, esforzo e intelixencia non me casan na cabeza. Claro que a miña é só unha cabeza que vive de memes e lembranzas semiimplantadas.

A Terra destes humanos é grande dabondo como para competir co Universo coñecido... Así houbo que poñerlle nome a todo, a todo. As criaturas mecánicas percorren co dedo mecánico unha interfaz. A interfaz da Terra que tampouco é súa. Todos estes topónimos emocionan fondamente a súa falta de entrañas. Ás veces non hai como non ter vísceras para sentilas palpitar a cada paso, como lle acontecía ao Leñador de Folladelata.

Qué namorados están deles mesmos e do seu planeta azul. Viven de ser "eu" e de beber auga potable.

Pero "eu" afoga nun vaso de auga. Alguén bota esa auga, estrágaa. E a Terra, reseca, estira o pescozo de tartaruga moi vella. E o Mar, un aprendiz de Aral, un enorme esterqueiro, un abismo a presión dende o que nos miran peixes cegos, albinos, transparentes, cun signo de interrogación aberto no espiñazo.

Qué felices que somos nesta terra, pronunciando estes nomes bonitos nas noites de calor. Acariciando o pescozo veludo dos nosos nenos. Rin Devesos Samarkanda...


BSO: Beautiful feeling, PJ Harvey

Daphnis et Chloe, Maurice Ravel


Datos de interese:
Latitude:
43.3
Lonxitude:
-8.38333
Altitude:
97
Saída do Sol:
6:54 AM GMT 2
Posta do Sol:
10:12 PM GMT 2

(15 horas de luz solar! Coño, xuño é unha verbena)

Fase luar: in crescendo molto splendente

Regale una estrella

Un regalo resplandeciente para el día de la madre o del padre, cumpleaños, Navidad, bodas, San Valentín u otras ocasiones especiales. Por sólo € 69 recibe un Kit Estelar de MYSTAR - Global Star Registry. El kit contiene un certificado firmado que confirma el nombre y las coordenadas astronómicas de su estrella. También obtiene un mapa celeste que muestra la ubicación de su estrella en forma destacada. El kit incluye también un colgante grabado con la constelación de la estrella y sus coordenadas exactas. Puede escoger el colgante como collar o llavero. Inmortalice su propio nombre o el de otra persona entre las estrellas. ¡Un regalo brillante y exclusivo que nunca dejará de complacer!

Mmm. Quedan poucos días para unha sinalada data... ¿Optarei por regalar unha estrela do Kit Estelar de MYSTAR?¿Unha navalla mariposa?¿Syberia II para PC? ¿Un pequeno tití cun chapeu morado e unha cadeíña de prata? ¿Un acuario? ¿As obras de Sade, marqués-de-? ¿Unha viaxe ás Covas Do Rei Cintolo? ¿Unha cesta de nadal? ¿Un ideograma chinés co significado de -quéseieu- "inmortalidade", "nirvana total", "fecundidade rotunda" ou "melocotoneiros en flor púrpura e lesbianas de almorzo debaixo"?

Tic-tac, tic-tac. Pensa, pensa, coelliño branco, pupilas rosa...

Marcadores:

posté par estibaliz... 12:11 PM | 10 comments |