...mmmm...

29 março 2006

Escarnio dolce (inda pódese apretar máis...)


Non adoito falar do que me sucede día a día. Desgústame ese biografismo de diario. Esa imposición. Apenas deixo datos aquí de quén son ou ao que me dedico. Gústanme as biografías que planean pola vida dos individuos dende a estratosfera. Non as que descen demasiado ao cotián. E se descen demasiado ao cotián, que os datos sexan algo falsos, ficcionais, pastiches, por favor... Que despisten.

Hoxe quixen rexistrar este día. Sen embargo.

Dende o mencer levo metida de cheo nunha sátira. O día comezou falando de sátira. Son as 9 da mañá. Unha alumna le en alto unha descrición dun profesor, descrición feita por ela, un traballo que lle encarguei á clase. A descrición é un látego que axeonlla, caricaturiza e cousifica ao profesor: "un escaso homiño", de "ollada liliputiense" e "fronte engurruñada"... Os demais alumnos salivan de gusto e retranca. A palabra sátira lémbrame á palabra látego. Mentres le, a alumna doma a imaxe mental que todos na clase temos dese personaxe, fustígaa ata facernos rir. Riso negro. Porque a temática de fondo dunha sátira sempre é a mesquindade e vileza humanas.

O fondo dunha sátira vai, xa que logo, manchado de pesimismo, de absoluto abandono de toda esperanza no xénero dos humanos. A elección da burla como método de conxurar esa angustia. Liberamos así a aprensión que nos produce a posibilidade de acabar coma o satirizado. Poder ser así, nós tamén. Escasos homiños na descrición dunha moza de vinte anos... Unha moza fermosa, enxeñosa, implacable.

O día proseguíu con máis sorpresas. Un paquete que chega de Moscú, atado cun cordel. Do país que competíu cos imbatibles Hiperestados Archiunidos na carreira espacial, do país que creou a cosmonáutica, do país dos grandes axedrecistas, dos pioneiros da ciencia-ficción, dos chéjovs, bulgákovs, gagarins, de mestres de matemáticas, enxeñería e tecnoloxía de materiais. Un cordel. Atando un paquete. Un papeliño das aduanas escrito en cirílico, a man. A imperial e bolchevique Moscú envolvendo a súa historia en anacos de papel de estraza -o mesmo do baño-, asinándoa logo cun boli bic. Un cordeliño, humilde coma un campesiño de Bakunin.

O que contiña o paquete era brillante e suave, sen embargo. Unha especie de luxo disfrazado. Non direi qué era.

Non importa.

O día regresou á sátira tras a paréntese rusa.

Quén me ía dicir a min que me ía dar de bruces, horas despois, cun ser digno da descrición satírica de pola mañá. Pero non o mesmo personaxe. Esta vez outro. Un escaso homiño acostumado a mandar. Non sei por qué hai tantos escasos-homiños-acostumados-a-mandar. A historia - ou é a Historia?- está chea deles. Algúns mesmo poñen cuñas nos zapatos italianos, pero a escaseza lévase pegada ao lombo, tipo corcova. De xeito que seguen sendo escasos. Algúns deixan bigote, peitean de lado, casan cunha máis baixiña, fotos en contrapicado, por favor... É todo inútil. A escaseza chorréalles polo rostro, igual que unha suor manteigosa. Sáeselles por fóra. Padecen sobreabundancia de escaseza.

O escaso-homiño-acostumado-a-mandar-sobre-un-escenário é personaxe de sátira. Pero él non o sabe. Tampouco sabe que subíu a un escenário coa secreta esperanza -inconsciente- de parecer menos escaso. Chámase a si mesmo Director. Talentos, os xustos. Como as medidas. Nada sobra nesa anatomía. Nin sequera o sorriso ou a cortesía. Creu inxenuamente que para saber mandar ben abonda con ser imbécil. Nunha reunión de hai un tempo talvez quixo impresionarme confesándome que escribira poesía.

É deses seres que che cita á beira da súa casa sen preguntarche primeiro ónde é que vives ti. Deses seres aos que sempre tes que chamar por teléfono. Que sempre simulan estar ocupados. Que simulan ter decisións tomadas cando improvisan no momento, sen mirar aos ollos. Que están afeitos a que moitas mulleres -e homes, claro, e homes- desexosas de actuar en calquera cutrada lles relamban cun "señor, si, señor!" cando eles dictan doctrina. Que cren que recibir un premio do Comité de Amigos e Coñecidos é Recibir un Premio...Que nin sequera chegan á categoría de malos, porque ser malo é unha categoría. Miren para os actores das películas. O malo cobra tanto coma o bo. E normalmente morre antes...

Deses seres que fan o que lles dá a Santa Gana porque, polo xeral, contan con diñeiro oficial para levar a cabo unha actividade da que lles gusta pensar que ten o cheiro a bravío do marxinal, transgresor e salvaxe. Funcionarios. Funcionarios do artisteo. Cántos coñezo! Lembro:


un profesor da facultade con ínfulas - e nínfulas- líricas e principescas;

un pseudo-editor de cousas estrañas que amasa os cartos de certa fundación mentres escribe infumables sobre corpos nús e gasas azuis e manoseadas caralladas similares;

un director de ópera, fillo-de, que non tiña nin idea do que quería sobre o escenario e, de súpeto, insultábanos porque non o facíamos. "Cosí se folla en la España, cosí?" Sempre imaxinábao cun tanga de veludo e leopardo. Ao final, ata o evoco como unha figura entrañable...

Qué grandes personaxes para grandes, restalantes, certeiras sátiras. Ris. Ras.


BSO: Catulo

Datos de interese: Despois de impoñer o seu criterio desconsiderado, haberei de traballar co escaso homiño nas vindeiras dúas semanas. Engrandecerei?


Hai unha balea solitaria, polo visto, que leva anos cantando cousas rarísimas para unha balea (noutra frecuencia distinta á habitual, non é que lle dea polo funky). No Pacífico. Non se sabe moi ben quén é. Dubidan que se trate dunha especie nova. É case seguro unha balea azul. Canta noutro idioma. Dende aquí sostemos a teoría de que, ou ben está tola de tanto buscar a alguén (i é unha especie de Adèle H.) ou ben é unha balea digna. Non se rebaixa a ser coma as demais. Paga ese prezo por cantar distinto...

Aclaración sobre a imaxe: a pesar de elixir o cartaz de O gran Dictador, debo dicir que na lista de escasos homiños non me refiro unicamente a Adolf Hitler. De feito, preferiría non referirme máis a esa árbore caída da que tanta leña se fai. É tan fácil quedar ben hoxendía criticando a Hitler. Non esquezamos que perdeu a guerra. Gañaron outros. Prefiro que as alusións se interpreten cara outras figuras, outros escasos homiños acostumados a mandar... Deixemos Alemaña un pouco en paz. E lembremos qué vencedores escriben a historia dando a súa unidimensión dos feitos...
posté par estibaliz... 2:37 PM | 15 comments |

18 março 2006

Azafrán Cibernético e Púrpura de Sangue Caído na Batalla

Un home roda unha película. Elixe as abas do monte Fuji e ordena alzar un castelo que é destruído á metade do film. O emprazamento elíxese porque a terra negra de orixe vulcánica fai destacar os traxes de cores que vesten os que contenden na batalla, cores heráldicas. A terra negra vai preñada da idea de morte, de destrucción. O caos. O significado da palabra "Ran".

Noutra película, o mesmo home manda pintar un campo de dourado. Un cabaleiro agallopa canda ese campo. O traballo de varios días apenas se ve unha fracción de segundo na montaxe final. Ir en pos dese Dourado para albiscalo un minuto e que perviva como un catálogo de raios e cuarcitas nos abismos da memoria.

Dende as escuridades da rocha e do líquido amniótico, homes e mulleres trepan polo branco e negro ata atrapar as cores. A súa procura lévaos a levantar océanos para dar co múrex e vestir aos senadores romanos de púrpura, extraída en vivo deste molusco.

Lévaos a cicatrizar a terra na busca dun silicato cálcico do que obter pigmentos azuis. Os máis estraños. O lapislazúli, chamado ouro azul. A virxe viste de azul nun famoso descendemento pintado.

Lévaos a amorear cunchas no Xapón durante máis de 20 anos para conseguir o "gofun", un pigmento branco que escorrenta o mal.

Lévaos a pulverizar ata o noxo miles de cochinillas para pintarse os beizos co valioso carmín. Hai unhas bonecas, as "hina", que no Día xaponés das Nenas levan cochinillas de medio século de antigüidade esmagadas nos labres.

Lévaos a rexistrar en propiedade un ton de rosa, como fixo a empresa Owes Corning en 1985.

Lévaos a machacar 14.000 estigmas de azafrán para obter 30 gramos de especia que servir ao rei Salomón ou esparexer polo chan dunha casa en festa.

Lévaos a mesturar residuos da terra e resinas ata dar coas sinuosidades da tinta negra.


Policromía. Os frescos de Creta. Os rostros dos mandrís. As bolboretas. As avésporas. Os sinais de perigo. As imaxes en branco e negro, xa para sempre asociadas a unha época da historia do século XX (2ª Guerra Mundial, falcóns malteses, metrópoles, chaplins, rosebuds). As misteriosas alteracións das cores. Os privilexiados daltónicos. Os Davids Bowies, cos ollos desparellos. Os estudios de Helen Irlen, que aseguran que un home pode corrixir as súas distorsións visuais -que lle farían estamparse contra a mediana na feliz autoestrada Coruña-Carballo, poñamos por caso- cun par de lentes azuis.

Esa muller, Irlen, avanza a idea de que moitas das dislexias e trastornos oculares poden paliarse co uso de lentes de cores. Iso faime lembrar o cromático libro O marabilloso Mago de Oz, no que os protagonistas chegan a cidade de Oz e son provistos de gafas verdes coas que, oh, milagre, veno todo verde. A esperanza dos personaxes de deixar de seren quen son. De deixar de verse como se ven...

Disque as mulleres (e supoño que os pintores) son as artífices de toda esa colección de apelidos e novos nomes para as cores: camel, marfín, rosa pao, azul cobalto, gris antracita, burdeos, lila, tostado, escarlata, marelo ovo, celeste, siena, verde esmeralda, ouro vello... Os productos cosméticos dan sempre novas voltas de torca: Ciruela Cibernética, Luna Techno, Crema de Leite, Vermello Diva... Dende as imprentas e a dixitalización, sen embargo, chega unha nova nomenclatura que suple a clásica de cores primarios: Cyan-Magenta-Yellow-Black (CMYK). Moitos productos de uso cotián levan unha marca de catro circuliños nesa restra de cores. A caixa dos cereais, por exemplo, nunha das solapas.

Eu como humana, a cuxa raza pertenzo, atesouro lembranzas de cores. Unha das máis prezadas é o catálogo de cores da fábrica para a que traballaba a miña nai. Tamén os nomes das cores da caixa de pasteis Rembrandt, do meu irmán (Prussian blue, Mars violet, Caput mortuum). E as inusuais cores predilectas da miña nai: o granate, o malva, o azul mariño, o violeta...


De nena tiñamos un coche marelo intenso. A marela era a cor que eu prefería.

Tamén me gustaba un conto no que o personaxe vestía de vermello cereixa.

A palabra azafrán significa marelo en persa (safra), aínda que hoxe o azafrán remite a un marelo-laranxa. Laranxa, outra cor curiosa, que non tivo nome ata que chegaron os froitos da China.

A atracción dos nomes das cores é enorme. Non sei cómo, pero psicoloxicamente aféctanos que unha barra de labres diga: China Red. Ou que un coche ou ata un gato sexan Gris Fume. Ou
que un ton de pel sexa Ébano, Bronce ou Melocotón. Kieslowski realizou unha famosa e logo denostada e logo outra vez louvada triloxía de cores: Azul-Branco-Vermello. Seguía as cores da bandeira francesa e, álén diso, os símbolos da Revolución de 1789. Tamén somos afectados acusticamente: as escalas cromáticas, por exemplo. Como cantaba María Callas. Sempre medio ton entre unha nota e a seguinte, coma se descendésemos por unha caixa de moitos rotuladores ordenados meticulosamente por cores...

Esta páxina ten o fondo vainilla, por se a algúen lle interesa. Non é que me disguste o branco nuclear. En absoluto. Pero o vainilla é un ton máis untuoso. Como a manteiga.

Déixoo xa. Estou ruborizada de tanto dicir.

Datos de interese: o vermello sae da páxina, segundo din os deseñadores.
Os exipcios tinxían o pelo con sangue fervido de vaca. Ou con graxa de serpe negra.
Para Rimbaud o A era negro, E branco, I vermello, U verde e U azul. Non estou de todo de acordo.
O compositor francés Olivier Messiaen di: Un dos grandes dramas da miña vida consiste en dicirlle á xente que vexo cores cando escoito música, i eles non ven nada, nada en absoluto. Iso é terrible. I eles non me cren
Sei Shonagon, cortesá xaponesa do século X, enumera entre as cousas que espertan unha querida memoria do pasado: Malva seca. Descubrir un anaco de seda violeta escuro ou cor uva entre as páxinas dun caderno.
I entre as cousas elegantes: unha chaqueta branca sobre un chaleque morado. Un rosario de cristal de roca. Unha linda criatura comendo fresas.

BSO chroma:
Purple Haze, Jimi Hendrix
Purple Rain, Prince.
Friday, I'm in love, The Cure.
Mother Russia, Renaissance
Black and Blue, Louis Armstrong
Ojos verdes, Concha Piquer
Couleurs de la cité céleste, Olivier Messiaen
Black Dog, Led Zeppelin
Calquera cousa de Pink Floyd
True Blue, Madonna
Yellow Submarine, The Beatles
Ollos verdes son traidores, azules son mentireiros... Popular Galega

©estíbaliz...espinosa

Marcadores:

posté par estibaliz... 4:46 PM | 8 comments |