05 novembro 2005
Neve (I)
Copio íntegramente un artigo pertencente á serie Soñeime antes nesta escena, non publicado por min nos anos 2003-2004.
O 9 de xaneiro do ano 2003 enviei unha mensaxe múltiple a todos os seres rexistrados no meu móbil. A mensaxe dicía:
está nevando
Ese mesmo día fixen un microconto que entrou a formar parte da Criatura. O conto dicía:
9 de xaneiro
está nevando
Deleitábame co que non ía dicir daquel día. Como a neve: un non dicir nada.
A finais do ano pasado entregueime á busca infatigable dun obxecto fetiche:unha esfera de cristal con casiñas sobre as que neva cando se lle dá a volta. Son vellos calcapapeis. Ninguén usa xa calcapapeis. Coma os tirantes ou o linimento ou o bromuro en internados masculinos. Cousas que testemuñan que houbo un mundo antes ca nós. Que non é unha ilusión óptica dos vellos libros de Historia. Que o noso enfermizo interese polo pasado ten fetiches en forma de ferros para a roupa, carteis de cabaret ou raspadeiras de sílex.
Ou calcapapeis condenados a ser emblemas dalgún futuro Museo do Kitsch.
Buscaba un pobo nevado para pisotear todos os meus papeis.
Non hai maior alisador de tempo que a neve. A neve é a mellor palabra que se puido ocorrer ao ceo. Podemos calar ante ela. Pouco máis. Adorala. Marcas de xeonllos na neve.
Recoñecer que nin crisálida (tiña un profesor deses cun fío de baba entre os labios que aos 12 anos asegurábanos: “crisálida es la palabra más hermosa de la lengua castellana”), nin katiuska nin ventilador superan en elegancia á palabra neve (por certo, tamén baba sería unha palabra fermosa: é avoa en ruso. Ten algo babélico, morboso)
O refinamento é frío..., di Tanizaki.
Quen nunca enmudeceu ante a neve ignora o valor de non dicir nada. É como ese truco de facer acalar estando calado. Difícil dicir algo significativo cando se asiste a unha nevada. O intento é patético.
Haberá quen coma neve, quen se vista de neve, quen teña orgasmos na neve, quen viva en casas de neve e se dedique ao intercambio de neve. Haberá unha raíña das neves que leve na súa man de neve unha esfera de cristal cos mundos todos para gobernalos ao seu despótico capricho. Haberá tamén un Abominable Home das Neves que refugue o contacto humano por algún despecho incurable.A palabra da neve e o mundo da neve merecen un silencio grande que fale por todos nós, por todo o que sentimos aquí.
Os sentimentos poden tomarse fríos. Adquiren consistencia no frío. Somos os bastardos de certas glaciacións. Temos dereitos irrenunciables sobre o dominio e o imperio da neve.
Marcadores: Devotions