...mmmm...

15 julho 2006

Lista de cousas embarazosas

1.- Perder algo que non é teu. Sobre todo, o tempo
2.- Vendo vellas fotos cun ou cunha amante, parella, arreconchegado... cáese unha da Primeira Comuñón
3.- Atopas a alguén na rúa que te chama con confianza polo teu nome. Ti expremes os miolos: Diana, Vanessa, Ulpiana, Rafaela... cómo coño...?Rematou a conversa. Só puideches dicir: Mira, Oes ou Ti.
4.- A situación anterior torna moi embarazosa cando se suxire intercambiar os teléfonos
5.- Vas a unha revisión médica e decatas de que levas unha calcamonía dunha bolboreta pegada ao ventre
6.- Alguén te eloxia moito, pero confunde todo. Por exemplo, di que naciches en Tombuctú, que escribiches un libro sobre A psicoloxía do armadillo e que che encantan os escargots, as sit-coms e os homes rubios con bigote
7.- Un tipo a seguirte pola rúa. Párate. Comeza: Ola, perdoa (está nervioso), quería preguntarche... aínda te dedicas ao mesmo? Ti miras con cara de parva e colles mellor as bolsas do súper, que pesan un pouco. Esto... a que, exactamente? Bueno, non tiñas un anuncio deses no xornal?
8.- As visitas de cortesía. En xeral, a cortesía
9.- O bolso dunha muller
10.- Descubren que o nivel de marmelada de framboesa descendeu mentres ti ficabas soa na casa. Por sorte, ninguén mira no licor de guindas.
11.- Explicarlle a un neno cómo funciona o mundo que non é Moltó ou Chicco
12.- A Administración
13.- Descubrir nos demais fe cega en cousas como democracia, idioma, poesía, arte ou relixión. Este sentimento mestúrase con tenrura e, ás veces, envexa.
14.- Rexeitar algo que che dan con amor
15.- Non saber qué dicir nos grandes momentos nos que cadaquén solta un tópico
16.- Escoitar a alguén que canta mal crendo que o fai ben ou que di cousas como "Es que a mí la literatura me encanta", ou "Gústame o cine, pero o que fai pensar".
16.- Non saber dicirlle a un neno ónde remata o ceo
17.- Non saber ou non querer expresar o amor aos que máis amas


BSO: Monkey gone to heaven, The Pixies. Hai tempo que non pretendo desentrañar as letras
dos Pixies. Simplemente, son. Imaxino este mono que somos e que marchou para o ceo, andou pola lúa, deulle a volta, mandou un disco dourado gravado con datos sobre si mesmo ao espazo exterior... Mentres, aquí abaixo, gusto moito dos monos. Unhas persoas ben extraordinarias.

Datos de interese: Saír de contas HOXE. O emerxente estado de expectación.

Hei asomar moito para me ver os pes.

Fuxo da mágoa que se quere dar nos textos. Dende hai anos a criatura mecánica plásmase na ironía, a cibernética, a copia, a distancia, a emoción dende a distancia. E comprobo con delectación -tras certos actos colectivos nos que se len certas cousas- que alguén quere clonarse en min.

15 Julio 2006 - 20:30 GMT
15 Julio 2006 - 22:30 GMT+1+DST
Despejado 25ºC
Humedad:61%
Velocidad viento:(N) 3 Km/h
Presión:1017 mb.
Punto de rocío:17ºC
Índice de calor:26ºC
Aire frío:25ºC


O medo e a man son os puntos de partida da especie humana.

O cangarexo pode rexerar unha pinza que perdeu en batalla. Por iso son tan bravos. Pinzoume un ermitán na praia da Lanzada

Gústame camiñar pola rúa pensando que vou por unha Playstation

Xogar. Interesante desviación da vida humana.

Falaremos diso no seguinte capítulo, damas e cabaleiros, de...

A Criatura

Ata entón, sigan connosco. Como dicía Uslar Pietri nun programa da tele venezolana: Ata a vista, amigos invisibles (anécdota que debe acompañar a todo texto: de aí xorde o nome do grupo de rock dese país, Amigos Invisibles)

Créditos das fotos: foto 1: Criatura en suspensión, col. privada; foto 2: O disco dourado da Voyager I, supervisado por Carl Sagan

Quero dedicar este post ao que se fai chamar o niu quid of de blog. Un haijin. Polas listas de cousas que nos unen. E tamén polas que nos separan.

Marcadores:

posté par estibaliz... 9:03 PM | 18 comments |