...mmmm...

11 julho 2007

De Mudança




Síganme...
Pero non se sintan obrigados.
Obrigada.

http://www.estibalizes.wordpress.com


Bicas

A partir de agora estarei aí. Quero dicir, aquí. Quero dicir, aí.
posté par estibaliz... 7:09 PM | 20 comments |

05 julho 2007

Bifurco de Vieiros que se Xardinan

Exercerei, pois, de anfitriona de links e páxinas que vou atopando. Internet fala tanto de si mesma como a televisión. Así vaise ganchillando unha rede enorme contra a que botamos e rebotamos coma un pale blue dot.com

E, tras esta sana ocorrencia, vexamos que raios atopou a criatura mecánica.

Nesta cidade viven estas dúas mulleres e a terceira, que as fotografou. Non as coñezo personalmente. Somentes dei con elas e co seu traballo. Noivas góticas. Consortes transilvanas. Elisabetas. Erzsébets Bathorys. E todo na Praia das Lapas, semella, xunto á Torre de Hércules. As damas de Xerión? As de Breogán?

As de Hércules?

Alégrame telas atopado a tan poucas iardas de min.

Vivifican esta cidade.

Obxecto fetiche de hoxe: unha foto de meu irmán aos 12 con luvas de boxeador

Banda sonora : Schism. Tool

Memoria para enxertos futuros: é difícil que sobreviva un xirasol nunha maceta

Marcadores: ,

posté par estibaliz... 12:08 AM | 1 comments |

05 junho 2007

Little Afrique



Dispoño de 50 segundos para captar a vosa atención antes de que vos esfumedes de link en link, coas vosas botas de sete leguas.

Vivo rodeada de bolsas negras e caixas e libros, nun piso onde a luz fai perigar as cores. Sen cortiñas.

Sen mobles.

Somentes cousas. Ciscadas no chan co seu estatuto de cousa.

Mudarse é cambiar a disposición cerebral. Cando mudamos, a nosa vida pasa ante os nosos ollos. Pode facelo durante algunhas horas [se son poucas as pertenzas a empaquetar e hai camión de mudanza abaixo] ou varios días [como foi o noso caso, con non moitas cousas pero só dúas almas dende un andar sen ascensor].

Coa firme promesa de tirar todo o innecesario [que crueis que somos con nós mesmos], propoñémonos unha casa útil, orgánica, na que prevaleza a luz por riba do consumismo. Sorrimos almorzando horchata con fartóns sobre un somier aínda plastificado.

Facemos inventario de manías domésticas:

1.- Non aturar os zapatos da rúa na casa. En zapatillas ou descalza.

2.- Luces baixas, de mesa ou de pe. Dan un aire medieval que pode estropear un pouco a vista se pretendemos lernos Os Irmáns Karamazov, pero moito máis cavernoso ou cavernícola. Lareiro, en fin.

3.- Necesidade de ver ceo dende a cama. A maior proporción de ceo lonxano, maior sensación de que todo encaixa e de que esluímos no espazo coma lágrimas na chuvia, ras no estanque ou pílulas na boca

4.- Necesidade de poder realizarmos comodamente a fotosíntese dende varios recunchos da casa. Os pisos lúgubres que llelos dean aos de Facenda

5.- Procura pracenteira de esconderixos : os ocos onde enrolan as persianas; espazos mortos entre moble e parede; zócalo que se move. Isto dos esconderixos atribúoo a algún xen perdido de paleolítica superior, neanderthal a fuxir de homo sapiens, xudeus ou xitanos medievais agochando candelabros de sete brazos ou esmeraldas roubadas, pega común [Pica pica] ou filibusteira do XVII.

++++++++++++++++++++++++++++

Baixamos á rúa. A ulisquear. A vida transcorre prácida. Non a inmutamos. Debemos incorporarnos a ela con naturalidade.

O barrio é moito máis buligante có anterior. Máis novo. Demasiado tránsito. Máis trapicheo. No anterior todo eran casas con vellas medio cegas que esculcaban a xanela sen forzas, por pura teimosía. O barrio de antes cravaba no monte i era húmido. A humidade vivía na túa casa, comía da túa mesa, mordía no armario, nos peites. Formaba galaxias verdes no pan. Nas fotografías.

Era un barrio literariamente tuberculoso.

O novo barrio é seco. Alto. E, sobre todo, africano.

Velos e vente a ti. Sós, en grupo. Ante o locutorio. Con grandes bolsas de mercadorías. Cada grande cidade do hemisferio norte ten o seu little afrique, como o seu chinatown ou o seu pachamama.

O novo barrio é ese conglomerado que nos fai sentir cosmopolitas, como se ser cosmopolita tivese algo a ver con cosmos e con polis.

Son altos, lémbranme a I.

Hai tempo, coñecín a Víctor Omgbá. Camerunés. A excepción dunha regra. Escribe un libro semi-autobiográfico que se traduce ao galego e publica a editorial Galaxia. Colabora no xornal de maior tiraxe. Funda Equus Zebra. Esa vontade de se hibridar, como unha cebra, que é sen dúbida complicada a nivel mental. Todo inmigrante é un conflicto, con ou sen papeis.

Un conflicto mental, non social. Os inmigrantes, pola contra do que á xente lle gusta crer, non traen problemas. Resólvenos. Limpan as fosas sépticas que ninguén limparía. Conducen o metro. Extraen o carbón. Erguen paredes. Melloran a natalidade. Enriquecen o gastado pop local. Achegan novas especias e sabores á cociña.

Mália que quizais esta visión tamén sexa paternal: pobriños. Veñen facer o que ninguén quere.

O mundo tense poboado por inmigración. Ti e mais eu somos descendentes de inmigrantes africanos que estableceron por despiste en europa hai un millón de anos, cando Europa nin sequera posuía o aspecto dunha ninfa grega.

+++++++++++++++++++++++++++++

Vivo cun inmigrante. Iso me dá dereito a falar deles? A pontificar? Seguramente non. Pero adiviño o que é ter hemisferios cerebrais divididos en hemisferios planetarios. Hai inmigrantes que pasan o pecho ao que deixan atrás. Pero moitos soñan sempre que están no seu país. Sempre. Xamais terán un soño enrarecido na mina ou varrendo ruelas europeas. Os seus soñares transcorren ao outro lado, sempre.

Por Little Afrique vagabundeo, á procura dun chino. Os chinos venden a súa trapallada barata. Kitsch. Nunca vin un chinés nun cine. Só cobrándome ou servíndome tallarines ao glutamato. Os chineses coinciden cos senegaleses neste barrio. Non interaccionan. Os senegaleses arremuíñan ante os seus locutorios, os seus centros de comida e cultura, a súa asociación coa bandeira na porta.

Son altos. Os seus antepasados foron [é inexplicable] transportados coma sardiñas ao outro lado do océano para viviren e traballaren coma o gando. A súa fisonomía é a do home que corre. Que foxe. Non semellan flexibles, senón lixeiros. As cadeiras son altas. Intentan asemellarse a unha árbore. A unha sombra. Falan polo móbil, mercan cousas, charlan co seu lonxano sotaque francés. Estamos afrancesando en materia de políticas de inmigración [a pesar das friccións Zapatero-Sarkoszy], e non son quen de dilucidar se iso é bo ou malo. Bo ou malo son categorizacións infantís, inmediatas. Non serven para comprender, senón para actuar en consecuencia. Bo para o país que recibe inmigrantes? Bo para os propios inmigrantes? Bo para o fusion jazz? Para a literatura multicultural? Bo para anovar a savia atorada nas raíces da vella Europa?

O estraño inquieta e atrae. Se algo non nos inquieta, daquela é menos novo do que criamos. Por Little Afrique - ou Petite Sénégal, ou Cativa Mandinga- busco rostros, acenos que me expliquen o moito que me perdo, tanto como podería conmoverme. Olen a algo. Aquí a xente é inodora e, no peor dos casos, ole a alcohol disfrazado. Nós tamén ulimos para eles. Os xaponeses da Idade Media consideraban que os europeos que chegaban as súas costas ulían a manteiga rancia.

Esa pode ser unha explicación. A inmigración é necesaria porque precisamos anovar a nosa atrofiada paleta de cheiros.

Pero non, o argumento évos outro. A inmigración é inevitable e a súa discusión, absurda. Aquí vense en busca de Eldorado, i esa pesquisa é honrosa e digna. Só chegan os mellores. Os máis preparados. Os que tiveron máis sorte. Os que puideron. Así se di.

E será por iso que boto de menos os tocados de cores das mulleres africanas por esta provinciana Little Afrique.

Datos de interese: uns paxaros da ría da miña pequena cidade- carricerines cejudos, a quen poida interesar-, en contrapartida, invernan en Dakar. Nalgún momento, aves e humanos cruzan no Atlántico ou en Xibraltar. Aos paxaros a vida pésalles pouco. Voar é sinxelo. Non soñan. E se soñaren, é sen dilemas xeográficos.

Soñan que están a voar. Iso non os ata nunca a ningures.

Marcadores:

posté par estibaliz... 10:32 PM | 10 comments |

03 junho 2007

Soa e perdida polo fondo dun sistema de navegación en binario


Internet, coma outros medios de comunicación, nútrese de si mesmo e dos que falan del. Na tele acontece escandalosamente: os programas refírense os uns aos outros, co cal o contido, como sucede nas cantigas galego-portuguesas, resume en dúas liñas que se van alternando e versionando a medida que se repiten. O mecanismo da tele é un leixaprén mesturado con zapeo. En definitiva, que os que se curran os programas serán uns catro.

Por Internet, como aínda é un laboratorio experimental, o mergullo é moito máis emocionante. Máis variopinto. Máis pintoresco. Ir de link en link ou tecolear palabras ao azar na barra de procura do google pode proporcionarnos encontros del.icio.usos. Ese sistema de búsqueda alternativo que é o linkeado, os hipervínculos... converten cada hipertexto nunha montaña furada de galerías. Nada máis tentador para seguir camiñando. Ás apalpadas. Ás escuras.

Coido que foi Borges, ese señor que todo o mundo quere citar para pasar por eminente, quen coa súa idea [máis ben o seu título] de xardín de vieiros que se bifurcan máis acertadamente metaforizou -sen querer- o fenómeno da divagación internauta. Ese andar ao chou, de link en link, ata perder o fío da ariadna e atoparnos de fronte con moitos máis monstros ca un simple minotauro de nada.

Iso fixen esta tarde.

Toda a tarde vagabundeando, sen oficio, sen beneficio, polo labirinto. Labirinto. Esa outra obsesión borgeira que tanto prace aos postmodernukis.

E nese errar atopei esta páxina que comparto con vostedes, quen queira que sexades e calesqueira que sexan as vosas turbias motivacións para estardes aquí. Unha páxina que me lembrou dous dos meus contos preferidos [polas ilustracións]: Contos do Río Amur e Contos Populares Rusos.

Ata aquí. O resto do camiño pola fraga tenebrosa fágano vostedes.

BSO: unha muller dirixindo unha orquestra? Existe! E unha orquestra só feminina? Velaí. Estas danzas de Béla Bártok, o húngaro marabilloso e sincopado, poden servir de BS non O as ilustracións eslavas do link ao que lles remitín antes.




Datos de interese: + mudei por fin
+ a luz verbeneira de xuño
+ Cibernética, de Norbert Wiener [grazas, Bruno. Algún eon destes cho devolverei]
+ Na casa da miña nai había un piano xusto sobre a miña cabeza cando durmía. Non me disgustaba. Nesta casa hoxe escoitei un. Por favor, que non pertenza a un mal estudiante que só fai escalas!

Marcadores:

posté par estibaliz... 11:01 PM | 1 comments |

22 maio 2007

Sábeslle tan sumamente umami


Nun ensaio cuase-científico [permítome o luxo de non ler apenas novela. Considero de mal gusto que me raien unha vez máis con que a vida en parella é fodida e sen parella máis aínda, ou non, aliñado todo con catro ou cinco detalles da vida cultural do momento. Non teño por que seguir xustificándome]…mmm… retomo e puntualizo: nun libro misceláneo sobre ciencia leo que:

Se considera que el GMS [glutamato monosódico] intensifica el quinto gusto que se da de forma natural en algunos alimentos (los otros gustos mejor conocidos son: dulce, agrio, amargo, salado). Este quinto sabor se llama en japonés umami y se describía a veces como un gusto salado parecido al de la carne o el caldo

Que revelación. Un misterioso quinto gusto, cuxa esencia garda o denostado glutamato monosódico da comida china que como a raudais. O segredo mellor gardado da lendaria lonxevidade chinesa? Dos seus enigmáticos sabores a rata fritida estilo Pekín e magret de micho rueiro con raias? Do seu acomplexado polo e os seus violentos mollos?

O segredo da súa industria textil de roupa interior de fantasía por 5 euros?

Os xaponeses crearon nomes para cousas inauditas, cousas que nós tardariamos tres frases subordinadas en dicir. Por exemplo, relativas ao campo das emocións e os sentimentos provocados polo clima. Supoño que a un oriental névalle dentro. E a nós fascínanos a máquina quitaneves.

Un xaponés di torpemente “eu”. Referirá a si mesmo nunha despoxada terceira persoa. E refutará calquera afago persoal que lle brindes, malia que a súa obviedade dañe a vista.

Un xaponés pode darlle extrema importancia ao teu grupo sanguíneo. Case coa ansiedade coa que, nalgunha ocasión, un descoñecido che sonsaca o teu signo do zodíaco confiando en que non sexas unha caprichuda Libra ou unha airada Leo.

Un oriental cometerá centos de rarezas ante os nosos ollos ridiculamente rasgados.

Mais sen embargo umami será un significado real para el. Ese quinto gusto que a nós aínda nos resulta exótico identificar [e que é familiar como o sabor da carne, da proteína en xeral].

Así que, chegados a este momento estelar de la humanidade, recapitulemos: coñécense 7 marabillas do mundo antigo [e queren resucitar o certame..] e 7 mares e 7 moitas cousas, 6 sentidos [incluímos o sexto por imperativo cinematográfico], 5 sabores ao igual que 5 elementos, 4 poderes e 3 tristes tigres que comen trigo e 2 alternativas e 1 vida que se viva unha vez.

O umami é o sabor a proteína, ao igual que o doce revela o carbohidrato, o salgado o mineral, o amargo a posibilidade de toxinas e o agre, o deterioro. Umami é o tomate, o espárrago e a tenreira galega.

Agora ben: se as bágoas son salgadas, os ouriños amargos, a saliva doce e o seme agre… que hai en nós que sexa umami?

Poden probar unha mordedela do seu veludo antebrazo?

Desculpen. Quedei para cear iogur cun caníbal.

Datos de interese: encaixa o umami na teoría dos potenciadores do sabor da criatura mecánica? A do sushi con guaiaba ou as noces con pan [esta última é un clásico popular, como a do chocolate cun trago de zume de laranxa]?

Comprenden o que significa que levemos catalogando erroneamente os sabores culinarios durante séculos? Somentes confío en que a Pablo Conejo ou a Dani Castaño no se lles ocorra unha nova trama de conspiranoia medieval na que se aúnen sabores i elementos primordiais como eixe de varios crimes sucesivos trufados de contiños pseudotibetanos. Púxenlle unha vela a san buda para que queira alá que non aconteza iso.

Os países opulentos só falamos de comida. Os grandes cociñeiros empezan a formar novas castes de nobreza, como actores, futbolistas ou artistillas do mundo.

Somos obesos mentais

BSO: un tema opulento, que cecais saiba umami: Im Abendrot, o 4º dos 4 Derradeiros Lieder de Richard Strauss.

http://www.youtube.com/watch?v=1ILrWvAIWoM

4. Im Abendrot
Wir sind durch Not und Freude
gegangen Hand in Hand,
vom Wandern ruhen wir (beide)
nun überm stillen Land.
Rings sich die Täler neigen,
es dunkelt schon die Luft,
Zwei Lerchen nur noch steigen
nachträumend in den Duft.

Tritt her und lass sie schwirren,
bald ist es Schlafenszeit,
dass wir uns nicht verirren
In dieser Einsamkeit.

O weiter, stiller Friede!
So tief im Abendrot,
wie sind wir wandermüde-
ist dies etwa der Tod?


TRADUCCIÓN e.e.

NO ROIBÉN DO SOLPOR

Entre tristezas e alegrías
levamos camiñado, man a man;
descansamos de pervagar tanto
sobre a terra silandeira.

Ao noso redor inclinan os vales
o aire xa escurece;
só dúas lavercas aínda alzan o voo,
soñando, na brisa perfumada.

Achégate e déixaas cantar;
axiña virá o tempo de durmir,
que non nos perdamos
nestas soidades.

¡O paz, inmensa e silenciosa,
tan fonda no roibén do solpor!
Estamos cansos de camiñar tanto,
seica será isto, así, a Morte?


Por suposto, amo esta peza.

E o final maestático que nesta versión de Jessye Norman cortan sen gusto nin clemencia

posté par estibaliz... 8:00 PM | 3 comments |

14 maio 2007

Kozmic Muffin

Que acontece co kosmos?

Unha vez escoiteille a un escritor que deberíamos deixar de ollar tanto ao ceo e preocuparnos máis polos mundanais ruidos. Dicíao referíndose aos graves problemas que atascan á humanidade en tuberías sen saída. Dicíao referíndose ao gasto da NASA en relación ao gasto por axudar a media África a non contaxiar máis o virus do VIH. Dicíao un premio Nobel.

Os premios non me impresionan o máis mínimo. Sei de onde proceden. Ao igual que títulos académicos ou calquera sinatura estampada sobre papel caro: non o aprezo máis. Aínda que eu asistía á conferencia daquel premio Nobel, a súa pequena demagoxia que enfrontaba na balanza curiosidade cósmica e problemas sociais pareceume dunha burda manipulación: por que unha cousa ou outra?

No Anuario económico e xeopolítico do 2005 leo que a esperanza de vida en Sierra Leona é de 35 anos. Coma no neolítico. Coa preparación física de anos que se require na NASA, ningún habitante deste país africano pode aspirar a ir en misión tripulada a Marte [no caso hipotético de que poidese acceder a toda a preparación mental i estilo de vida previos]. Probablemente, finaría antes. Mesmo que viva coma un sultán. A lonxevidade herdámola, somos o que comeron os nosos pais e avós, somos as súas infeccións, os seus tumores, as súas deformidades. De certo, os humanos vivides vivimos desordenadamente. As chapuzas sociais arranxan algunhas pingueiras pero o tellado segue sen nos alcanzar a todos.

O ceo, en troques, si alcanza para todos. Ou debería.

A curiosidade que alimenta o seu estudo, o afondamento nos seus misterios, a sucesión de teorías ou modelos que expliquen a súa xénese ou o seu futuro, a simbiose entre materia e baleiro... esa curiosidade é tan humana coma o riso ou a mentira. Non pode contrapoñerse á urxencia na corrección de medidas sociais, corrección de organismos pantasma como a ONU, reparto de riquezas, mercado do petróleo ou I+D. O estudo do cosmos é o estudo do embigo humano: ningunha criatura medrou sen se meter o dedo algunha vez.

Ámbolosdous asuntos concernen á raza humana: o seu contexto cósmico e mais o caótico equilibrio dos seus habitantes. O seu kosmos e o seu kaos.

Non unha cosa ou outra.

Matizo: en toda esta investigación espacial, apéname enormemente que hindúes [ese pobo indescritiblemente dotado para as abstraccións matemáticas, talvez por mor das súas miles de divindades] e rusos [ese pobo escarchado, hipersensible e alcohólico que empezou a fabular co cosmos en forma de ciencia ficción e unha precisa enxeñería] aparezan como eclipsados polos sempiternos ingleses e americanos na constelación de investigadores do universo.

Só perdoo a Sagan [Cosmos foi unha serie mítica]. Mais non a Hawking.

Polo demais, o vergonzoso non é que o gasto celeste supere ao gasto humanitario. O vergonzoso é que se chegue a acordos internacionais en materia de dereitos humanos, comisións, altos comisionados, condonacións de débeda externa, e que o seu brutal atropelo por parte de quen asinan para a foto siga sendo constante e acalado por servizos de seguridade, branqueo de imaxe e outros dispositivos máis ou menos políticos.

Namentres, o límite de Chandrasekhar axexa para nos colapsar. Tanto se formos estrelas coma se non.

Datos de interese: Kozmic Muffin, grupo galego experimental dos 90. A súa magdalena cósmica inaugura esta categoría. Encantábame o seu son [nada poppie, senón progresivo] e unha entrañable i estraña relación vencelloume durante un tiempo ao seu batería: ambos actuabamos nunha campaña municipal de reciclaxe de residuos urbáns. Él disfrazado de porro [o da familia do allo]; eu, de colexiala listiña.

Nunca voltei saber del

Marcadores:

posté par estibaliz... 12:33 AM | 1 comments |

12 maio 2007

Devocións Desorientadas III


Un oportuno cóctel de:


~ Jim Botón y Lucas el Maquinista [coa princesa chinesa Li Si na cidade dos dragóns a bordo de Emma a Locomotora. Grande historia. Un dos meus libros preferidos da infancia, sen dúbida]
~ Fervor pola familia china da baralla Familias de 7 Países [hei sacarlles fotos, porque vexo que son unha rareza en Internet]
~ Ver aos 16 anos El Último Emperador de Bertolucci, gravala i escoitar cada día a espectacular banda sonora. Mentres, veciños e familiares pregándome o seppuku.
~ Querer ser china na tenra infancia [xaponesa, máis ben, pero era igual] e tirar das comisuras dos ollos coa martirizada intención de rasgalos...
~ Ver El intendente Sansho pasmada [xapo tamén, pero bueno] aos 12 ou 13 anos

...todo iso callou nun caldo de cultivo [con miso branco] que alimentou o animaliño que habita o meu cranio durante anos. A idealización oriental [e a economía fulgurante] traslada agora o seu epicentro de Tokio a Shanghai, ou mesmo a Corea do Sur. Pero oriente segue sendo o mesmo no imaxinario colectivo. Orientados e desorientados polo seu magnetismo.

Recupero a banda sonora de Sakamoto para a peli de Bertolucci.

Non se perdan esa especie de colexiala lindísima que pinza ese instrumento tan chino, medio harpa, medio laúde tumbado, no principio do tema. A música é, dende logo, espectacular. Ten como unha saudade milenaria. Un chinés atributo , abofé.


BSO: esa, claro

Datos de interese:

Xunto co CinExín e o Telesketch, vénme a cabeza outro deses regalos que pides e pides e nunca terminan por caerche en ningún cumpreanos, nadal, cita a cegas...: Contos da China Milenaria, editado en dous tomos gordos con moitas ilustracións dos que posuía outros títulos. Mais non ese.

Datos de 2003: o 21% das mulleres chinesas son analfabetas, fronte ao 7% dos varóns.
Datos de 2004: falece a última anciá que dominaba i escribía o Nü Shü, a lingua secreta das mulleres da rexión de Hunan, que nacera como relación entre mulleres [i entre nais e fillas recén casadas e lonxe delas] para broslados, abanos... hai 4 séculos. Un dos documentos recuperados polo goberno chinés dicía:

Debemos establecer relacións de irmás dende a xuventude e comunicarnos a través da escrita secreta


Campesiñas analfabetas, lembren.

A ópera que prefiro é, por suposto, Turandot.

















Marcadores:

posté par estibaliz... 2:24 PM | 1 comments |

29 abril 2007

Róupame

Penso na roupa. Na roupa dobrada e gardada nos armarios. Nas gavetas. Nas trandeiras dos patios. Nas súas cores.

No seu incríbel poder de evocación.

É un pensamento típico de domingo anubado. Os domingos anubados unha pensa en cousas así. Os sábados pódese pensar en artistas de moda como Ron Mueck ou Nam June Paik. Os luns existen para aprenderen a desesperar con elegancia. Os martes, elucubren sobre outros planetas, antimateria ou teoría de cordas. Os mércores, toca pensar neste. Neste planeta. Nos desatinos políticos. Nas grandes cataratas. Na Convención de Xenebra. Os xoves e os venres son libres. Pódese mesmo non pensar en nada con cara de estar pensando algo. Como Bush ou Paris Hilton.

Os domingos son reservados. Igual cá roupa gardada.

Os trapitos que, despectivamente, atribúen á frivolidade das mulleres, supoñen elementos de suma importancia para o ser humano. Algunha vez amaron unha chaqueta raída ata o punto de levala rota durante anos? Lembran as cores dun vestido que destinxíu? O que levaban posto algún día concreto [un concerto, un primeiro polvo, unha viaxe...]?

De nena, como todas as nenas, xogaba cos vestidos e os zapatos da miña nai. Entre estes últimos, invoco uns brancos de charol e plataforma. Na post-adolescencia levei durante anos unha chaqueta de pana moi vella que fora de meu pai. Eran xeitos de acomodarme a súa pel: a pel perfecta da miña nai. A pel descoñecida de meu pai.

Algo poderoso emana do feito de dobrar e gardar a roupa dalguén ausente. É un xeito inadvertido de acaricialo. Alivia. Ulir a roupa. Meter o nariz nas camisas, nos pantalóns, e aspirar. Ten algo privado. Sutil. Vicioso.

O olfato é un dos sentidos menos privilexiados socialmente, xunto có tacto. Como grandes esquecidos fronte á supremacía do audiovisual, están sendo obxecto de olladas novas, de trend-hunters ou de investigadores en robótica e novas tecnoloxías. Un rapaz que dirixe unha videoinstalación na que, honrosamente, participei, contoume que fabricaran un robot que acariciaba a distancia: unha especie de rodelo que movías cunha man, mentres outra persoa [lonxe de ti] recibiría esa caricia no seu rodelo correspondente. Algo similar a esas Hug Shirts que transmiten a sensación dun abrazo.

A roupa é unha sensación táctil proclive a nos enganar. As texturas das telas imitan. A seda ou o satén imitan a carne humana. A tela vaqueira imita a rugosidade da terra ou da silla de montar. A lá imita a docilidade. O lamé, a seducción. O charol, un caramelo. O elastano imita a capacidade de imitar a silueta humana.

Dobrar a roupa dun neno moi pequeno mentres dorme é un acto amoroso de primeira orde. Pendurar a roupa interior dunha parella que comparte casa nunha mesma pinza significa deséxote.

Hai uns anos, o pintor Branda -que acaba de inaugurar unha exposición aquí, nese local de perdición con título dunha peli de Scorsese onde a xente xoga a súa hipoteca ao blackjack- deseñou unha invitación de voda para unha parella de noivos. Esa cousa votiva e horteira per se quedou nas súas mans convertida nunha estampa que zumegaba picardía: Branda debuxou unha media de muller e un calcetín furado de home colgados da trandeira. O calcetín, ademais, penetraba fisicamente á media.

Foi un xeito xenial de ver a relación de parella a través da roupa posta a secar.

Miña nai, como moitas señoras clásicas que cosen, vai a clases de patchwork. Teño a casa chea de collíns, edredóns e agarradeiras para cazos quentes. Como na súa casa imperaba a consigna Antes de tirar algo, esperar a que pasen 100 anos, miña nai reutiliza vellas, vellísimas e arcaicas telas para o seu patchwork. De modo que cada obra súa contén ducias de retallos de cores nos que distingo: a tela da ex-lámpada da miña habitación; a tela dun bañador; a tela do meu disfraz de xaponesa; un anaco de top que me quedaba bárbaro; un broslado dun vestidito da nenez...
Hai algo íntimo nesas costuras que quedan tan lonxe de nós, as mulleres que xa non cosemos. Imaxino as primeiras agullas de óso. As primeiras peles. O seu tacto brando. Máxico. Vestirse dentro dun oso gris. Do coiro da vaca. Do ñu. As primeiras fiandeiras de liño.

A representación do destino humano para gregos [e latinos, que preferían inventar estratexias e leis antes que mitoloxías] son 3 mulleres que fían, cosen e cortan. As Moiras. A vida tamén represéntase como un tapiz. E moitos tapices representan a vida. Dun lenzo da admirada mexicana Remedios Varo lembro un alegórico obradoiro de costura no que se tece o manto terrestre.

Atopeino en gúguel:


Volvendo á roupa. Ó seu simbolismo xa non só de estilo ou carácter de quen a porta, senón de representación dun xeito tribal ou comunal de vida. Os taparrabos. Os xerseis de Lacoste. Os kimonos de varias capas. Os corpiños pudorosamente desanoados. As minisaias nos uniformes colexiais. As garabatas. As camisetas con mensaxe. As sen mensaxe. Os vaqueiros. Os sari. A blusa china branca e vermella que merquei o outro día, por unha vaga semellanza a unha cerdeira. Os traxes expostos nos Hard Rock Cafés [teño visto roupa de Madonna, Prince ou Sting nos de Lisboa e Caracas]. O traxe dun mono que foi ao espazo, nunha exposición fascinante de Cosmonáutica Rusa que aterrou nesta cidade. O que levaba posto John Lennon o día que morreu. A chaqueta de Michael Jackson en Thriller. Os encaixes de Goya. As telas do antigo Exipto. Os mantos da Virxe nos descendementos. O vinilo de Trinity. A lencería. As franxas púrpura na túnica dos senadores romanos. A burka. O loito. O xersei de home [ou muller] que nos poñemos á mañá despois, e levamos todo o día como un segredo calcetado a nós. No breve espazo que delimitan, os trapitos proxectan formas elementais de pensamento, alegría ou aflicción. Son arquitecturas brandas, orgánicas, sintéticas, nas que o noso corpo vive e aprende a moverse.

Son pel. Unha pel cultural. Quizais de aí a febre do vintage, un termo que vén do eido do viño. Da colleita. Un viño de anos adquire un corpo especial. Unha prenda que pertenceu a outro corpo no pasado posúe tamén ese corpo. As mulleres levamos facendo vintage toda a vida. Apañamos baúles de curmás, avoas e nais. De nena vestía o vestido de noiva da miña nai para dramatizar a miña propia idea de princesa. Ao longo da miña vida, saqueei os armarios da casa con usura: abrigos, un vestido lila, outro azul, un echarpe de cashemir, sombreiros e ata pelucas.

Agora que dobro con mimo roupa que non é miña, decátome de canto ansío ter entre os meus brazos ao seu posuídor. Talvez haxa algo demoníaco. Se cadra só é fetichismo.

O tacto ten esa muda, humilde perturbación. Acontece ao milimétrico nivel do vello. Dos capilares. Pero a pel, non se esqueza, é o órgano máis extenso que tendes, humanos.

Arróupenseme ben para pasar a noite

BSO: Venus in furs, Velvet Underground

Datos de interese:

Queda solemnemente inaugurado o novo blog da criatura mecánica aka opia en wordpress. A versión castelá de ...mmmm...Poden visitalo e arroxarlle unhas moedas neste lugar.
Tal vez convirta en humana por unhas horas e cante e baile para vós...

Fotos: 1) Ray Caesar; 2) col. persoal de collíns de patchwork con figura; 3) Remedios Varo;

Marcadores:

posté par estibaliz... 9:10 PM | 9 comments |

16 abril 2007

Good morning a todos dende o meu futuro anonimato

Miña nai di: mujer, no seas tojo.

Os toxos nacen en calquera lugar, pero Galiza semella ser un lugar calquera especialmente entrañábel para o toxo.

Os toxos crávanse na alma galega e saen polo outro lado. Malia todas as odas a prol da beleza da chorima [esa flor marela da imaxe], ser un toxo é ser un insociábel.

Son insociábel, logo.

Teño poucos amigos e, ás veces, mesmo cáenme mal [isto é pose? un pouco si. Desolée]. Non fago festas na casa. Quero corrixirme. Ser xentil. Pero dáme unha preguiza...De nena obsesionábame non ter amigos. Quería unha xemelga. Un espello no que mirarme. Despois aborrecín o da xemelga. Entón lía e debuxaba e todo iso tan parodiado dos frikis.

A vida social é un inxenuo suplicio. Prometeo cun colibrí coméndolle a cirrose. Certa vida social. Son nefasta niso de qué-dicir-a-quén-no-momento- oportuno. Non me levo cos editores. Nin cos fruteiros. Nin cos veciños. A primeira vista todo o mundo tómame por simpática, agradábel. Atractiva. Pero son un toxo con disfraz.

Non teño a axenda mental necesaria para caer ben a cada momento. Tampouco practico nigromancia e misantropía. A especie humana coido que é algo interesante. E só que, ao detall, a especie humana empalaga. Chucha o sangue. Entromete.

Desexaría ser xentil. Cortés. Glacial. Pero cortés. De nena ansiaba a perfección mística, a maxia literaria, o amor dos coetáneos. En homenaxe a ese sedimento do meu carácter, preparei uns saúdos para todos vós. Así tipo alcalde de poboación de menos de 20.000 habitantes mandando saúdas a todo cristo...

Saúdos
a

$ os lurkers, que mirades e ledes sen vos pronunciar. Quizais por timidez. Por equivocación. Por vicio.

$ os trolls, que vos dedicades a arremeter contra calquera porque seguramente erades incomprendidos, o voso pai bebía zarzaparrilla, usastes ortodoncia, caestes no pote de apócema máxica, padecestes gatillazos na xuventude... Porque o mundo fíxovos así e internet empeorouvos.

$ os que me observan con suficiencia. Eu faríao mellor. Dende logo que si. Avanti.

$ os anónimos que xamais me coñecerán. Porque non sei o que me perdo

$ os que coñezo dende hai tempo e téñenme cariño. Por que non?

$ os que coñezo dende hai pouco e non me profesan nada. Por Zeus. Como é posíbel?

$ aos que neste intre len isto mentres escoitan a radio e conducen un camión de 15 toneladas de Burgos a Getafe, porque poden ter un accidente, insensatos

$ os geeks. Porque voso é o reino dos f... O reino

$ os que non falan este idioma sino este, que es primo carnal y, como suele suceder con los primos, uno ha abusado del otro y se ha hecho más popular

$ os que non falan este idioma senón lituano, por exemplo, e non saben moi ben qué fan aquí e buscan un link de saída [probade con este, amigos lituanos!]

$ os cyborgs que posuirán o meu corpo

$ os que me desprezan

$ os que me adoran

$ os que beben coca-cola. Gústame a coca-cola [dáme igual pepsi, pepecola ou merdacola], malia a campaña antiimperialista que a miña nai exerceu [sabiamente] con man de ferro. Na miña casa nunca había coca-cola...

Será por iso que crecín sendo un toxo?

Que bonito spot publicitario en forma de post. Vaia, se son a mesma palabra transmutada...


BSO: A bruxa, Milladoiro

Datos de interese:

+ A criatura mecánica responsábel deste bloj leu hoxe que o lixo radiactivo utilizábase nos anos 80 nos Estados Unidos para fabricar patas de mesas ou aneis. Ata que un anel radiactivo provocou a amputación do brazo do seu dono e lexislouse en contra desa simpática reciclaxe...

Decátanse? Un agasallo envelenado para a persoa que odian: un anel de uranio bañado en prata que vaia carcomendo aos poucos o brazo dese pobre ser. É arteiramente diabólico. Iso si é un anel de poder. E de foder.

Agora diranme que vostedes non odian a ninguén. Ben. Pois logo, teñan coidado cos aneis oitenteiros que lles regalan os compañeiros de traballo xogando ao amigo invísibel.

Seguro que queda moito lixo radiactivo nos bazares chineses. I en Tous.

+ Homenaxe particular aos momentos lovecraft, aproveitando que é aniversario do seu pasamento, que releo Las Montañas de la Locura, que houbo blogs de festa rachada pola efeméride, que me gusta especialmente o polbo, e polbo eres, que Lovecraft ten toda a pinta de ter sido un toxo, e que os abismos insondábeis de horror cósmico nos que un se pode precipitar ao fío dos seus libros alivian desta vida terrenal chea de graciosos, boasxentes e politicamente correctos.

Foto: Primixenio diminuto e a criaturamecánica vistos dende o kosmos

+
A miña flor favorita non é o toxo senón... o uz? o xirasol? As criaturas mecánicas non temos flores favoritas. Só ansiamos enxertos de memoria que nos fagan cool e humanas

+ Volve a tuberculose! A montaña máxica, Kafka, Bécquer... estará o mundo preparado para a enfermidade do romanticismo versión 2.0?

+ A África de documental. Existe outra que non sexa a de documental? A dos fósiles do val de Omo? A da artesanía, os tambores, os collares e as moscas? Vendo documentais de África un pensa que ese espazotempo pertence a Second Life. Que non é vero. Ou que é troppo vero...

Marcadores:

posté par estibaliz... 11:46 PM | 19 comments |

15 abril 2007

Trónchense. Voilà

Qué guapa é. E simpática, alén diso.

Gran don! A simpatía, ho, a simpatía. Don celestial! Flora, Fauna e Primavera sobre o berce da Bela Dormente - despois de perfilarlle os beizos de Mónica Bellucci, as nádegas de J.Lo e a ollada melancólica da Venus de Boticcelli- murmurian, entre faiscadas de variña: E que sexa simpática. Joé!

A simpatía é unha estraña cualidade enfrascada nunha estraña palabra. Hai nervios simpáticos por todo o noso corpo, un tipo de maxia -segundo Sir James Frazer- denominada maxia simpática (a maxia que opera no vudú ou en ideas do tipo: se merco en Sotheby's un pelo de Marilyn e durmo con el 3 días seguidos, serei Marilyn) e sympathy for the devil. Aínda que cometerei a pedantería de lembrarlles que sympathy non significa o mesmo que simpatía (coidado cos false friends, children). Ou si. Porque ambas proceden desa idea grega, pathos, que tanto se traduce por sentimento como por emoción. Sentimentos encontrados ou conxuntos: a nosa simpatía, na que opera o sorriso e a sympathy anglosaxona, orientada á compaixón.

E despois deste rimbombante principio, con etimoloxía incluída, paso a falar diso que me levanta unha leve e aristocrática dor de cabeza: a forzada simpatía ou simpatía en serie.

Creo que vivimos na época máis simpática da historia. E como esta é unha conxectura dificilmente contrastábel, aí a deixo, como carnaza. Por que o digo? Porque hoxe non hai apenas ninguén que non intente achegar o seu graniño de area ao Festival do Humor Universal. Lúcidos observadores da realidade cotiá, expertos en diferencias de roles xenéricos en situacións de grave convivencia, prestidixitadores dos xogos de palabras, pseudoesloganes e consignas varias, examinadores implacábeis dos vicios máis cheirentos do sapiens sapiens, estudiosos do paraquéserveodedomaimiño, quefacercosdedosnunsemáforo, quédisnoteucontestadorautomático ou, en xeral, quécutressomostodos. Aí están, como simpáticos pittbulls trincando as mandíbulas sobre todo o que se move con pinta de ser inmortalizado nun chisteciño.

O dilema é que concorren a escena tanto profesionais deste clube da comedia que si saben do humor como graciosillos perpetuos que amenizan (ameazan)

a) toda reunión de sociedade
b) todo posto de traballo no que se comparten gomas de borrar, databases, verbatims e máquinas de café
c) toda actividade extraescolar, dende o tai-chi ao patchwork
d) todo artigo en blog, xornal gratuíto, xornal caro, gacetilla relixiosa ou fanzine universitario

A figura do eterno simpático é un pesadelo. Ou da eterna simpática. Xente que se ve na obriga de facer rir constantemente. Que emprega a tal fin o repertorio de chistes facilóns e xogos de palabras que a mecánica do rumor se encarga de propagar, ampliar e versionar. Xente con algún tipo de problema. Non alcanzo a saber cál.

Facer rir é un asunto moi serio.

A figura do graciosillo/graciosilla invade os máis íntimos espazos: na sintonía do móbil, no tuneado do coche, na camiseta serigrafiada, no felpudo do fogar, no papel hixiénico. Lugares todos nos que é posíbel demostrarlle ao mundo enteiro que somos guasóns xenuínos. En verdade o riso é o mellor diplomático do mundo. Pero depende moito da categoría mental dese diplomático.

O riso forzado debería provocar máis enrugas que o espontáneo. Quen o practica pensaríao dúas veces antes de rirlle o chiste ao xefe.

Moitas veces, o simpático forzado roza tanxencialmente o apaixonante e aboado campo do patetismo: sabe que non fai nin puta graza pero, alegremente, terquea. Hai tres horas que ninguén lle ri os chistes, media hora que ninguén lle mira en fite aos ollos e dez minutos que a xente fala doutra cousa dándolle as costas. I el, sen deixar de matinar agudezas mentais que lle saen a rolos, máis ben en forma de albóndiga ou churro trenzado.

Por que?

Que gañamos forzando a rir todo o tempo? Un ego do tamaño dun zeppelin? Por que nos empeñamos (todos, agás algunha rara avis) en ser simpaticotes full time? Afábeis, sorrintes, despreocupados, con calquera chiste tópico e gastado para pasar os apuros dunha situación... Alguén co humor sarcástico de House, por exemplo, tería éxito cero en sociedade. Por que? Porque como espectadores podemos decatarnos de que o tipo é un crac médico e pode darse o luxo de fiar moi fino o seu sentido do humor. Na vida real, ninguén que tratase a un tipo así estaría disposto a recoñecer que é bo: todo o mundo anticiparía que é un antipático, e iso ensombrecería a súa consideración laboral e social.

Seica estamos obrigados a ceibar chistes de cando en vez para demostrar que temos sentido do humor.

Pero ser gracioso non asegura ter sentido do humor.

O único xeito de saber se o temos pasa por levar a termo honestamente a dorosísima ximnasia facial -do tipo fakir camiñando sobre brasas ou tragando un cactus do deserto de Sonora- de rir de nós mesmos. De non tomarnos demasiado en serio. Daquela si, daquela funciónanos o dispositivo.

Todo o resto son chistes para cacatúas. Observacións máis ou menos sardónicas sobre a natureza humana. Como este artigo, trufado de malos chistes.

Reivindico a antipatía para os momentos de lecer . O riso é magnífico (sobre todo baixo o influxo da sorna, retranca, socarronería, sarcasmo ou ironía, que non deixan de ser versións antipáticas da simpatía). Pero basta da tiranía dos graciosillos en serie. Dos publicistas co xogo de palabras. Das dentaduras obscenas. Chaplins, Grouchos, Marcels Marceaus ou Houses hai poucos. E así debe ser. En cómodas doses.

BSO: Get off the internet, Le Tigre

Datos de interese:

+ Outros seres insoportábeis: aqueles que xustifican unha putada dicindo: Lamento facer isto, porque tampouco me gusta que mo fagan a min, pero... E fano. Que pretenden soltando antes esa frase? Caer ben? Que lles perdoemos? Que lles aliviemos a culpa coa resposta de cortesía: Non pasa nada, muller, soamente me estás a botar do piso no que vivo. Tranquila.

+ Máis insoportábeis: Os que cando se trabucan, anoxan, enchen de coraxe e cabréanse contigo, que es a víctima do seu erro, cando deberías ser ti quen lles dese unha patada no cu. Estas dúas virtudes que veño de mencionar danse xuntas moi a miúdo e ambas concorren na fascinante personalidade da miña caseira.

+ Insoportabilidades menores: os que disfrutan deixando en evidencia. Os que, cando por fin aprenden unha cousa, non cesan de amosarlla paternalmente a todos os infelices cos que topan. Os que nunca esquecen conceptos aprendidos. O artistismo. A orixinalidade. Os que vaidosamente critican a vaidade allea. Os que critican aos que triunfan e presupoñen que son larcháns con sorte ou a chupan ben. Os que se gaban dun éxito despois de terse arrastrado como lamáchegas na lama e finxen sorpresa, como se non soubesen que levan 4 semanas chamando ao concelleiro/conselleiro/funcionario de turno día si, día tamén.

+Insoportabilidades maiores: a suficiencia. A pedantería. O paternalismo. A crueldade. A necesidade de sentirse poderoso humillando. A necesidade de humillar. A autocompaixón. O peloteo.

+ Xente que me cae ben: ti [achtung!! peloteo]. Eu. Os chimpancés.

+ Que sucederá neste intre nunha mina de ouro do Congo onde se traballa a eito? E nun planeta lonxano no que, polo visto, hai indicios de H2O? As dúas realidades conviven pasmosamente coa nosa e temos tendencia a considerar a última moito máis trascendente. Que simpáticos.

Marcadores:

posté par estibaliz... 6:46 PM | 8 comments |