...mmmm...

07 novembro 2005

Soñan os unicornios eléctricos con androides?

Hoxe soñei cun deles. Un deses animais. Os amigos das virxes, que trascenden toda sexualidade coma bos hermafroditas. Os unicornios brancos dos tapices, das doncelas con espello de prata, dos gravados, das películas de ciencia-ficción. Un deses. A cousa ten un punto simbólico-hortera que non deixa de fascinarme. Son unha replicante, damas, cabaleiros? Con que soñan os que non existen? E os programados para non soñar? E dos que nada sabemos? Soñan as moscas, soña Segismundo, soña o teu gato, soña o veciño que nunca dorme...

E soñar, soñaba o señor Freud con todas as súas pacientes de orgasmos infantís...

Sobrevaloramos os soños. Os soños ganchillan lembranzas: esa pasaxe da túa infancia na que pensas agora, si, ti...foi soño ou real? Os soños gozan do absurdo primordial. Non son sempre significativos. Non sempre revelan algo de nós. Nin sequera nos pertencen por enteiro: todos soñamos que caemos nun abismo, que se nos caen os dentes, que voamos...Unha nebulosa común á especie humana soña por nós certas teimas raíz.

Sen embargo hai soños enteiramente nosos. Seguro. Enorgullécenos sentirnos un pouco donos desa rexión do universo que ocupa o noso cerebro. Di Greenspan, do Instituto de Neurociencias de San Diego, que existe unha especie de explosión de coherencia no cerebro da mosca, similar a iso que chamamos pensamento, ante un estímulo visual, por exemplo. E que durante a noite, a mosca, cos seus ollos de mosca imposibles de pechar, atópase nun estado semellante ao do soño profundo, con conexións neuronais ailladas pero sen a coherencia da vixilia. Haberá tearañas no seu soño? Insecticidas? Soñará que ten aletas e nada nun mar de corais?

Ou soñará que se lle caen os dentes e viaxa nun ascensor do que non pode saír? Ou soñará os soños do Iván de Tarkovski?

Hai tempo que sei que a arte ten máis que ver coa ciencia que con subvencións estatais a artistas supostamente subversivos. Claro que falar de Arte é repulsivo xa de por si. Intenta dar un aire de protección divina (entendemos a Arte. Estamos a salvo!). Eu falaba das moscas, dos soños e dos unicornios mecánicos. Pero os blogs, coma os soños, canto máis breves e inconexos...

To sleep, perchance to dream...

Como dicían na Clave (o mítico programa dos 80): PARA CUALQUIER PREGUNTA SOBRE EL TEMA...recomendo o gurú-chamán con pinta de charlatán de feira decimonónica, Stanley Krippner, Conciousness Researcher (marabillosa profesión): www.inacs.org/events/krippner.htm

e todos os institutos norteamericanos e europeos de neurociencia. Pero ollo... e a neurociencia xaponesa, mongola, quechua ou mandinga? Terá perspectivas diferentes sobre o onirismo? Sobre os procesos de arquivo e entendemento humanos? Asimilamos igual o mundo?


http://
www.neuro.uoregon.edu/



http://www.utexas.edu/neuroscience/

http://www.jnss.org/

BSO para un soño: Comfortably numb (Pink Floyd); Come to me (Björk); Lacrimosa (Requiem de Mozart); Preludio á sesta dun fauno (Debussy); e calquera cousa de Daniel Elfman (compositor das BSO de pelis de Tim Burton) e do mago Maurice Ravel

a obra da fotografía pertence á artista Marina Núñez


posté par estibaliz... 9:45 PM |

05 novembro 2005

Neve (I)


Copio íntegramente un artigo pertencente á serie Soñeime antes nesta escena, non publicado por min nos anos 2003-2004.

O 9 de xaneiro do ano 2003 enviei unha mensaxe múltiple a todos os seres rexistrados no meu móbil. A mensaxe dicía:

está nevando

Ese mesmo día fixen un microconto que entrou a formar parte da Criatura. O conto dicía:

9 de xaneiro







está nevando


Deleitábame co que non ía dicir daquel día. Como a neve: un non dicir nada.

A finais do ano pasado entregueime á busca infatigable dun obxecto fetiche:unha esfera de cristal con casiñas sobre as que neva cando se lle dá a volta. Son vellos calcapapeis. Ninguén usa xa calcapapeis. Coma os tirantes ou o linimento ou o bromuro en internados masculinos. Cousas que testemuñan que houbo un mundo antes ca nós. Que non é unha ilusión óptica dos vellos libros de Historia. Que o noso enfermizo interese polo pasado ten fetiches en forma de ferros para a roupa, carteis de cabaret ou raspadeiras de sílex.

Ou calcapapeis condenados a ser emblemas dalgún futuro Museo do Kitsch.
Buscaba un pobo nevado para pisotear todos os meus papeis.

Non hai maior alisador de tempo que a neve. A neve é a mellor palabra que se puido ocorrer ao ceo. Podemos calar ante ela. Pouco máis. Adorala. Marcas de xeonllos na neve.

Recoñecer que nin crisálida (tiña un profesor deses cun fío de baba entre os labios que aos 12 anos asegurábanos: “crisálida es la palabra más hermosa de la lengua castellana”), nin katiuska nin ventilador superan en elegancia á palabra neve (por certo, tamén baba sería unha palabra fermosa: é avoa en ruso. Ten algo babélico, morboso)

O refinamento é frío..., di Tanizaki.

Quen nunca enmudeceu ante a neve ignora o valor de non dicir nada. É como ese truco de facer acalar estando calado. Difícil dicir algo significativo cando se asiste a unha nevada. O intento é patético.

Haberá quen coma neve, quen se vista de neve, quen teña orgasmos na neve, quen viva en casas de neve e se dedique ao intercambio de neve. Haberá unha raíña das neves que leve na súa man de neve unha esfera de cristal cos mundos todos para gobernalos ao seu despótico capricho. Haberá tamén un Abominable Home das Neves que refugue o contacto humano por algún despecho incurable.A palabra da neve e o mundo da neve merecen un silencio grande que fale por todos nós, por todo o que sentimos aquí.

Os sentimentos poden tomarse fríos. Adquiren consistencia no frío. Somos os bastardos de certas glaciacións. Temos dereitos irrenunciables sobre o dominio e o imperio da neve.

Marcadores:

posté par estibaliz... 6:57 PM |

02 novembro 2005

Cosmetics


O cosmos orixina a cosmética. Ambas teñen que ver coa orde e a beleza do mundo.
Non sei se somos máis fillos do cosmos ou máis bastardos da cosmética...
Tamén narciso e narcótico están emparentados dalgún modo. Que nos queren dicir as palabras? Herdámolas. Rara vez inventamos nós algunha. Algunha que teña algún tipo de resoancia, claro. Podo crear (plin, icona de variña máxica) agora o fermoso vocablo...mmm...OPIA, e explicar que se trata dunha muller mecánica, copia de ti mesmamente, narcisa e narcotizada, cósmica e cosmética, que se cre dona unha identidade orixinal só porque ten lembranzas e a sensación de ter vivido...

Pero esa palabra non existe e a muller tampouco.

En calquera caso, non se me ocorre nada máis interesante que dicir hoxe.

Pensen sobre iso, fagan o favor...



© Foto de Pequeña Esquimal
posté par estibaliz... 11:00 AM | 8 comments |

01 novembro 2005

Non sei quen son vostedes

Non sei quen son vostedes.

Pero eu vou falar dos trens.

Os trens. Cautivos dos trens. Por un estraño mecanismo xiratorio, falar de trens é falar de cine (o comezo e a fin de Europa coa voz hipnótica de Max Von Sydow, a sensualidade ríxida en Con la muerte en los talones, o tren no que se achega o Predicador de La noche del cazador, os vagóns con palla nos que se foxe, nos que se perpetran crimes, nos que se namora, nos que se dispara... A locomotora dos Lumière, La General, a que sempre se carga ao coiote... )

«La noche pasada estuve en el reino de las sombras... Todas las cosas —la tierra, los árboles, la gente, el agua y el aire— están imbuidas allí de un gris monótono. Rayos grises y, en los árboles, hojas de un gris ceniza. No es la vida sino su sombra, no es el movimiento sino su espectro luminoso […] Repentinamente se escucha un chasquido, todo se desvanece y aparece un tren en la pantalla […] Pero también éste es un tren de sombras»
Maxim Gorki, tras asistir ás curtas dos Lumière entre as que aparecía A Chegada dun tren á cidade. Extraído de http://www.trendesombras.com/num2/favoritasnum2.asp

Os trens veñen do máis aló. Gorki así parece entendelo. Igual ca o cine. Os túneles sempre son túneles do tempo ou do espacio. Non hai sinal de vida nun túnel. Sinal de radio, por exemplo. En La invasión de los ladrones de cuerpos foxen por un túnel, penso...O atributo máis fascinante dos túneles é que permiten ser debuxados nunha parede para fuxir por eles cando a cousa se pon fea. Son portas que nos comunican co outro lado...non sabemos moi ben con cál...

Hai algo fantasma en certos trens. Polo menos na Galiza...
u
Por algún estraño dejà vu inventado, falar dos trens é falar da neve. O Transiberiano, Miguel Stroggoff, o doutor Zhivago de David Lean. Tamén do suicidio: Pedro Casariego Córdoba, un poeta que depositou a cabeciña nas vías i esperou. Tamén do crime. Tamén da infancia: un veciño meu tiña un ibertren de morrer coa envexa. Conquistoume con el. Eu crecín xunto á tenda onde se expuñan as mellores maquetas de tren desta pequena cidade... Marklin, Ibertren...

Os trens nos meus implantes de memoria: a primeira vez que montei iamos de excursión a Caaveiro cun profesor borrachín que ficou durmido. Pasamos de parada. En Asturias collín o tren que non era e aparecimos no moi poético lugar de Pola de Lena ás nada poéticas tantas da madrugada. Xunto ás vías do tren unha pasea coa primeira parella. Hai algo patético e desolado. Tamén embruxador. Nunca coñecín a ninguén nun tren. Ninguén que lembre ben, quero dicir, ninguén cun teléfono para intercambiar. Só se intercambian miradas. Interrogantes. Cómplices. Lembro unha noite sufocante en liteiras, recibindo as mensaxes dalguén que dicía desexarme. Lembro unha noite escribindo unha charla que daba ao día seguinte na UAM. Lembro viaxar no AVE cunha ave, unha cría de anduriña (golondrina) atopada en Córdoba. Lembro a unha vella que me contou a súa vida. Non lembro a súa vida. Lembro a locomotora verde con rella vermella que resopra na estantería da habitación do meu irmán. E sobre todo, sobre todo lembro a Emma, a marabillosa Emma de Jim Botón y Lucas el Maquinista, coa que aprendín palabras inútiles para o exercicio da miña vida como calafatear, locomotora-ténder ou que as locomotoras son criaturas quizais non moi intelixentes -por iso necesitan un conductor- pero enormemente sensibles, que tanto te imitan un buque coma un dragón...

O tren é un ser machacón, impertinente, que se entromete nos soños. Non hai cores nin ocasos nin vacas coma as do tren. Os vidros do tren, quizais é iso, son un preludio da pantalla de cine.

r
Visiten a David (www.perdiendomiejem.blogspot.com) e vexan cómo se forxa un trainspotter infantil. Hai algo fraguándose en nós ao ritmo dun tren. Xunto coas máquinas de coser e os faros dos navíos son un dos obxectos máis rítmicos que existen. Os trens e os seus primos suburbáns, suburbiais e tamén fascinantes: os metros. Pero iso xa é cousa de grandes metrópolis. Eu teño que conformarme cun pequeno cercanías no que o revisor aínda che perdoa por non levar o billete...
***
BSO para un tren: Orbital, The Box. The Chemical Brothers, calquera tema (de feito, creo lembrar ter visto un vídeo deles manufacturado por Michel Gondry no que as sucesivas paisaxes repetidas ou variadas, e sempre desde a perspectiva dun tren, formaban unha especie de samplers visuais correlato da música); Laura, da peli de Otto Preminger "And you see Laura/on a train that is passing through/Those eyes, how familiar they seem/She gave the very first kiss to you/That was Laura/but it's only a dream"
***

Marcadores:

posté par estibaliz... 11:13 PM | 2 comments |